Beiras: «Euskadi está gobernado ilexitimamente polas forzas de ocupación españolas»

“Democracia para Euskal Herria” denuncia a situación de excepcionalidade xurídica e democrática que se vive no País Vasco.

Charo Lopes, Comba Campoy e Xosé Manuel Beiras na presentación do manifesto na libraría Couceiro
Charo Lopes, Comba Campoy e Xosé Manuel Beiras na presentación do manifesto na libraría Couceiro

“Demandamos que se restablezan con carácter universal e de urxencia todos os dereitos individuais e colectivos para todas as persoas en Euskal Herria”. É a petición central do texto “Democracia para Euskal Herria”, o documento que reclama o dereito ao sufraxio pasivo da coalición electoral Bildu e que foi presentado polo catedrático emérito da USC, Xosé Manuel Beiras, a xornalista galega, Comba Campoy, e a portavoz nacional de Causa Galiza, Charo Lopes.

Tras agradecer ironicamente aos medios a súa comparecencia, “pois poderían acusarvos de simpatizantes do terrorismo no futuro”, o exvoceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, denunciou as eleccións do 22-M como ilexítimas e propias do franquismo, no caso de non poder comparecer Bildu. Beiras recordou que a coalición Bildu está formada por Eusko Alkartasuna e Alternatiba, dous partidos legais non atinxidos pola antidemocrática Lei de Partidos.

Co manifesto “Democracia para Euskal Herria”, os impulsores pretenden concienciar e solidarizar a todos os demócratas galegos coa situación que está a padecer Euskal Herria, independentemente da súa filiación política. “Calquera demócrata xa sexa español, catalán, vasco ou galego que non se posicione en contra desta aberración non estará exercendo como tal e será cómplice do abuso”, sentenciou Beiras, para logo traer a colación a cita de Bertolt Brecht “quen será o próximo?”

“Reafirmo o que dixen de Rubalcaba porque o que fai é violencia de estado”, dixo Beiras en relación ás súas polémicas declaracións recollidas por este medio nas que sinalaba ao ministro de interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, como un dos terroristas máis perigosos que hai actualmente soltos. As declaracións tiveron lugar no transcurso dunhas xornadas da MNG sobre a Nación 2.0 e nas que tamén sinalara a Fernández Ordoñez, a Rajoy e a Rouco Varela como os terroristas máis perigosos do Estado.

Beiras advertiu de que “sen Bildu as eleccións serían ilexítimas” pois se estaría apartando a polo menos un terzo da poboación vasca das vindeiras eleccións municipais. En consecuencia, o poder que xurdise desas eleccións non gozaría de lexitimidade democrática. En relación a isto, preguntouse que faría o Estado español en caso de que o TC seguise na mesma liña que o TS e o tribunal de dereitos humanos de Estrasburgo fallase a favor de Bildu, “repetiríanse as eleccións?”

Euskadi está gobernado polas forzas de ocupación.

Beiras recordou que se a Esquerda Abertzale non estivera ilegalizada, o actual lehendakari, Patxi López, non tería ese cargo. As deputacións florais vascas non teñen nada que ver coas deputacións do resto do Estado español, posto que teñen unha serie de competencias históricas que fan de Euskal Herria unha sorte de confederación na que as Deputacións Florais funcionan coma estados, sendo as que teñen, por exemplo, a autonomía fiscal. “É por isto que os grandes partidos españois queren ilegalizar a Bildu, igual que ilegalizaron a Esquerda Abertzale ha dous anos, para facer efectiva a ocupación do territorio”.

Beiras tamén suxeriu a dependencia do poder xudicial ao poder político no Estado español, afirmando que o que ditamine o TC non vai depender de criterios xurídicos, posto que se así fora Bildu xa non sería ilegalizada polo Supremo. “O delito de intención está excluído na criminoloxía universal por ser contrario á presunción de inocencia, con Bildu estase a aplicar a presunción de culpabilidade e ademais sen probas”. Para Beiras, ao igual que sucedeu co ascenso do nazismo na República de Weimar, situacións coma a de Bildu prodúcense por non ter “depurado” o corpo da maxistratura do estado e ter na Xustiza a xuíces franquistas.

Manifesto “Democracia para Euskal Herria”.

O texto, que pode asinar quen quixer, divídese en tres puntos nos que reclama o dereito dos pobos a exercer todas as súas liberdades sen restricións, denuncia a instrumentalización da Xustiza por parte do Estado español e demanda a restauración das liberdades e dereitos constitucionais en Euskal Herria, incluídos os dos presos políticos. Como salientou a xornalista Comba Campoy, o texto conta cos apoios de persoeiros galegos de moi distintos ámbitos, polo que ten que ser tomado coma unha demanda do conxunto da cidadanía e non de ningún partido ou sindicato. Entre os asinantes atopamos dirixentes ou membros do BNG, CIG, Causa Galiza, FPG, MpB ou PCPG. Ademais, está asinado por diferentes representantes de colectivos sociais, estudantes, profesores das universidades galegas, xornalistas ou intelectuais de distintos ámbitos.

Tagged as: , , ,

Deixa o teu comentario