O enésimo golpe a Penamoa

A pasada semana realizouse o que presuntamente será o penúltimo derrubamento no poboado coruñés

As 9:30 da mañá, os medios congregábanse na ponte que cruza a Terceira Ronda á altura do poboado de Penamoa. A vía de circunvalación amosaba un aspecto lamentable a pesares de que a construcción deste tramo tivo lugar hai menos dun ano: o asfalto presentaba fochas de distintos tamaños; algúns farois recostábanse a ambos lados da estrada sen o cableado que as contiña; e varios colectores apiñábanse escachizados xunto a restos de baldosas das beirarrúas, xoguetes, botellas ou cartóns. Un comunicado procedente do consistorio coruñés citaba aos distintos membros da prensa para presenciar un novo derrubamento, neste caso dun total de seis infravivendas, co obxectivo de dar un novo paso no plan de erradicación do poboado chabolista.

Dende a ponte, observamos por un lado o denominado “núcleo duro” de Penamoa, aquel no que os propios habitantes do poboado aseguran que se atopa o centro de operacións do mercado da droga. Unha muller de entre os poucos curiosos que se achegaran para ver os derrubamentos, agora residente no barrio das Flores pero que vivira toda a súa vida no poboado, alertaba do perigosos e violentos que eran os que quedaban nestas chabolas. De feito “un irmán meu vive alí e teñen pistolas”, testemuñaba a muller de etnia xitana. As autoridades non se encargarían aínda da intervención neste núcleo dunhas dez chabolas que flanqueaban unha maior, a cal contaba con muros de bloque, ventás de aluminio e mesmo unha antena parabólica. A escasos centos de metros deste alto, érguense as descomunais chemineas da refinería de Repsol e, ao fondo, o flamante centro comercial máis grande do Estado, Marineda City.

Ao outro lado da ponte, obtemos unha espectacular panorámica da Torre de Hércules e o porto coruñés. Pero tamén do barrio do Ventorrillo ou a recente construcción do Centro Ágora, descubrindo o sorprendentemente preto que se atopaba o xa parcialmente desintegrado “supermercado da droga do noroeste peninsular”. Algunhas furgonetas comezan a cruzar a ponte cargadas do mobiliario que extraían das chabolas que serán derrubadas.

Por fin aparecen os furgóns de policía nacional e local, acompañando as palas e, por primeira vez, aos operarios encargados do retiro dos restos de uralita presentes nas infravivendas. Un antigo inquilino do poboado, na actualidade habitante dun piso de aluguer despois de acollerse ao Plan de Integración, confesou ser el quen interpuxo unha denuncia ao Concello por derrubar as chabolas sen reparar no alto risco de contaminación presente no amianto das uralitas. A primeira chabola en caer foi despedida polos insultos e berros dos chabolistas proferidos contra os policías, operarios e xornalistas. En menos de media hora, a construcción estaba totalmente desmantelada, aínda que o mozo responsable da denuncia ao Concello estaba seguro de que se levantaría unha nova no seu lugar.

Minutos máis tarde, a escasos cincocentos metros, eran derrubadas as restantes cinco chabolas. Alí estaban o seu dono Pedro Romero, acompañado por Josué Ramírez, outro dos propietarios das vivendas, que ameazaban aos fotógrafos con romper as súas cámaras en caso de atreverse a obter imaxes. Sen embargo, Pedro accedeu a mostrarnos o interior da súa chabola, onde non había máis que unha cómoda sen caixóns, unha cadeira e unha sorte de lareira prendida. “Eu non fun, alguén púxolle lume á chabola e xa estaba así cando cheguei”, lamentaba o mozo mentres apagaba as lampas cunha botella de auga de xeito parsimonioso. Posteriormente, a chabola era presa do fume, mentres outra das chabolas de Pedro tamén se consumía polo lume.

O afán de protagonismo de ámbolos dous propietarios ía en aumento, cando chamaron ás cámaras de televisión e demais reporteiros para recriminarlle ao Concello a súa situación de abandono. Aínda que tanto Pedro como Josué aseguraban traballar coa chatarra, no chan albiscábanse numerosos cartuchos de xiringas amontoados contra as silveiras. A incoherencia no discurso dos propietarios fíxose evidente, logo de que Pedro lamentara ter que ir durmir ás portas do Pazo de María Pita, minutos antes de que unha muller chamara por el pedíndolle que volvera “ao piso”.

Entre os curiosos, membros da Plataforma Ventorrillo polo Desmantelamento de Penamoa convocaban unha manifestación para o 18 de abril en caso de que o poboado seguise en pé. Ana Oreiro, voceira da Plataforma, lamentaba ter que convivir a escasos metros do gran supermercado da droga no noroeste peninsular. A voceira asegurou que os membros da agrupación continuarán manifestándose, en tanto que cargou contra o alcalde Javier Losada, quen “prometera pór fin a Penamoa antes da fin da lexislatura”. Un fin que semella estar preto para un poboado no que habitan ducias de persoas en condicións infrahumanas, aínda que a semente droga será máis difícil de erradicar.

Deixa o teu comentario