Alén dos mares
Unha boa parte da historia contemporánea de Galicia está en Bos Aires

Sala de exposición do Museo da Emigración Galega da Arxentina. Bos Aires. Novembro 2010
«Galicia, la dulce y bella tierra gallega, ha perdido su suave alegría… llora desangrándose por las tremendas heridas que los fascistas invasores abrieron en su carne ¡Pero Galicia no está vencida!…Galicia está en pie!!…Sentid, gallegos de américa, el heroísmo de vuestros hermanos y ayudadles, ayudad a la República española en su lucha contra los invasores” .
Con estas palabras Dolores Ibárruri, A Pasionaria, instaba ós exiliados republicanos de Bos Aires a continuar dende a distancia coa loita contra o réxime franquista. Esta carta é só un exemplo dos tesouros que o equipo de investigación do MEGA (Museo da Emigración Galega da Arxentina) está catalogando. Situado no barrio porteño de San Telmo, un dos máis emblemáticos da capital arxentina, o edificio de estilo colonial alberga unha parte moi importante da historia de Galicia, e como non, da súa cultura.
O Museo comparte casa coa Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, na que ondean dúas bandeiras: a galega e maila Republicana, símbolos da ideoloxía que alí se respira. Nada máis entrar, percíbese un ambiente diferente: intelectual, coidado e respectuoso coa cultura galega, moi afastado da maioría dos Centros Galegos que hai espallados polo mundo. Pero isto non é en vano, xa que as súas salas foron centro de actividade cultural, de reunión comunitaria e de reivindicación da liberdade do pobo galego e español tiranizados pola ditadura franquista.
A Federación de Sociedades Galegas (FSG) consolidouse coma un dos principais centros de solidariedade coa República española en tempos da Guerra Civil. Deu refuxio ós miles de exiliados que por razóns políticas chegaban á Arxentina, e desde entón, ata a “transición española”, albergou a varios dos elementos máis combativos do galeguismo e do republicanismo emigrante e exiliado.
Na entrada recibe ó visitante o sorriso amable de Juan, o bedel, que da a benvida ás catro salas que compoñen o Museo, onde podemos gozar dunha ampla exposición de materiais doados polos mesmos emigrantes ou polas súas familias: maletas de coiro, mantas, fotografías, documentación histórica, literatura, ferramentas, instrumentos musicais, obras pictóricas…en definitiva, historias de vidas truncadas pola dor do desarraigo.
No primeiro andar, a Biblioteca Galega de Bos Aires abre as súas portas a calquera persoa interesada nas obras que ten para consulta. “Estamos conectados con la red de bibliotecas públicas de Galicia a través de la red Meiga y como institución en la Argentina ofrecemos lectura en sala de libros, revistas y periódicos y préstamo a domicilio de literatura gallega de los últimos años”- explica orgullosa Cecilia Escalhao, a bibliotecaria. A pesar de non ser galega, comprende e é moi consciente de que traballa nun lugar no que se atopa gardada parte moi importante da historia dun país.
«Os escribo esta carta, tal vez la última, con el corazón destrozado por el dolor de dejaros. El destino lo quiere así», así comeza a carta que Rufino Redondo, mestre en Cedeira, lle escribe a súa muller. E así termina: “Ñata, Fernando, mis labios se cerrarán pronunciando vuestros nombres queridos…». O fusilamento de Rufino produciuse á mañá seguinte de escribir estas letras. Ruy Farías, director de Investigación, amosa a carta de catro folios con moita emoción: “lina moitas veces, pero aínda así consegue que me emocione». E non é para menos, xa que son as últimas palabras dun home que sabe que vai morrer, pero que grazas á familia e ó labor do Museo, revivirá en cada voz que pronuncie as súas verbas.
Tanto a carta de Rufino coma a da “Pasionaria”, xunto con centos de máis documentos, forman parte do arquivo da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina. “Hasta ahora el material no había sido ordenado e inventariado. Es lo que hemos hecho y ahora avanzamos en la digitalización y catalogación del mismo». Para seguir con este traballo, Ruy conta con Violeta Alonso e María del Carmen Legazpi, dúas mulleres que nos seus ratos libres colaboran co Museo.
Ademais, unha das liñas de traballo do MEGA é a recuperación da memoria da emigración, a Guerra Civil, a represión e o exilio. Para isto tamén está a elaborar un arquivo oral con persoas que poidan dar testemuño sobre historias relacionadas coa Guerra Civil e o exilio. Deste xeito darán a coñecer, de primeira man e en boca dos seus protagonistas, os episodios dunhas vidas que sempre quedarían marcadas pola dor dunha separación e as secuelas dunha represión que moitos quixeran olvidar e outros non queren recordar.



