A Audiencia Nacional cambia de estratexia á hora de procesar os presos independentistas
A AMI intentou boicotear unha conferencia do fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza, responsábel da mudanza

Na concentración convocada por AMI a mocidade berrou: "Audiencia Nacional, tribunal fascista" e "Zaragoza fascista, fóra da Galiza" | foto cedida polo portal galizalivre.org
Todas as concentracións teñen un porqué tras delas. O convencemento das persoas que participan debe ser total. Partillar as razóns da mobilización xa é cousa de cada quen. Mais para decidir cal é a posición que adoptamos cómpre coñecer a substancia da concentración. Velaquí o caso práctico. A Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) convocou o pasado luns 14 unha concentración contra a presenza do fiscal xefe da Audiencia Nacional, Javier Zaragoza, nas Xornadas Compostelás de Temas Actuais de Dereito Procesual e Dereito Penal celebradas na Facultade de Dereito.
As mozas e mozos que responderon á chamada da organización independentista portaban unha faixa na que se podía ler “Stop Audiência Nacional, nom aos tribunais de excepçom! Avante a defesa da Terra”. Mario F. Pereiro, militante da AMI, sinala que a concentración contra o fiscal xefe da Audiencia Nacional se debe ao seu cargo, pois “a Audiencia Nacional é o máximo órgano represor do Estado na Galiza”. Así mesmo, lembra que o fiscal “fixo unhas declaracións ameazando o independentismo e apoiando a represión do Estado contra os seus militantes”.
Borja Colmenero, avogado do organismo anti-represivo Ceivar, sinala que a Audiencia Nacional ten intención de incluír en delitos de banda armada os procedementos cualificados como terrorismo. Deste xeito, “a Audiencia Nacional adoptou un cambio de estratexia”, pois até o de agora os procesos abertos contra os independentistas cualificábanos como terrorismo individual.
Así e todo, Colmenero aclara que “quen terá que probar a pertenza a banda armada será o xuíz da Audiencia Nacional”. O avogado de Ceivar tamén lembra que “haberá que demostrar que banda armada é e como se organiza”, pois até o momento ningún fiscal puido achegar probas fiábeis da súa existencia.
Desde AMI, Mario F. Pereiro apunta que “calquera entidade que apoie a disidencia política pode ser considerada coma unha organización armada” de seguir a “doutrina inventada polo xuíz Garzón”. Así, a militancia en calquera organización política, feminista ou mesmo social que manifeste a súa oposición ao sistema establecido pode ser considerada como perigosa para as forzas da orde.
E mentres en Madrid se analiza a estratexia para procesar á mocidade independentista e silenciar ás voces disidentes, as forzas policiais continuarán vixiando concentracións coma a convocada o pasado luns pola AMI, onde se fixo patente o despregue de medios con varios escoltas e coches patrullas, axentes de seguridade privada e dúas carriñas ás portas da facultade.



