Xornalismo entendido a través de imaxes
O prestixioso analista político da BBC, Nick Robinson, repasou a súa carreira durante unha charla organizada polo Frontline Club de Londres

Baixo o título “Reflections with Nick Robinson”, abríase o coloquio co xornalista da BBC Nick Robinson, onde o británico escollía unha serie de clips audiovisuais que consideraba máis importantes ou de maior influencia na súa carreira profesional. Ao longo destes visionados, Robinson analizaba os cambios que viviu o tratamento informativo na televisión británica (especialmente a BBC) durante as últimas décadas, así coma distintas experiencias profesionais e a actualidade da política do Reino Unido.
Nick Robinson estudou Filosofía, Políticas e Económicas na Universiade de Oxford. Durante esta etapa foi presidente da Asociación Conservadora da Universiade de Oxford, un “erro de xuventude” segundo reflexionou o xornalista, que nunca quixo entrar na política.
Tras converterse en aprendiz de producción da BBC en 1986, pasou por programas coma “On the Record”, “Panorama”, e tres anos coma analista político en ITV News. Despois desta dilatada experiencia, Robinson regresou á Corporation en 2005, onde asegura que a súa labor é a“de facer que a xente que di odiar a política, se interese por ela, xa que a política é tamén a educación dos nosos fillos ou a atención sanitaria”.
A pesares de considerarse un xornalista imparcial, orquestou unha dura campaña contra as accións militares levadas a cabo en Iraq por parte do goberno de George Bush e dos británicos Tony Blair e o seu sucesor, Gordon Brown. Do ex presidente estadounidense recalcou en ton irónico “que foi un gran home en canto a axudarme na miña carreira”. Comentarios e accións previas ás últimas eleccións xerais de 2010, obrigaron a balanza da parcialidade a caer no lado dos Conservadores.
O coloquio comezou cos visionados da declaración de guerra do Primer Ministro conservador Neville Chamberlain en 1939 e o da primeira aparición de Winston Churchill en televisión, onde Robinson resaltou a repercusión que tiveron estas mensaxes sobre a poboación grazas ás retransimsión realizadas pola BBC. Un arquivo da súa etapa no programa «Panorama» sobre a problemática de Irlanda do Norte, e outras dúas reportaxes como analista en ITV News sobre as catástrofes de Nova Orleáns e Haití, axudaron ao británico a crear unha imaxe da política do país e do tratamento informativo.
Neste último campo do xornalismo, un exemplo paradigmático se amosaba na reportaxe sobre Haití, onde o xornalista presenciaba o rescate dunha muller que levaba 6 días soterrada baixo os escombros. O reporteiro foi testemuña durante máis de cinco horas da odisea que supuña a operación. Robinson destacou a necesidade de “mergullarse na noticia cando chega a historia”, sen basearse na especulación final desta.
Durante a rolda de preguntas, amosouse crítico co conflicto de Libia, preguntándose “por que participar no conflicto libio e non no de Bahrein, por exemplo”. Resaltou a importancia de “identificar e escoitar” a todas as voces do parlamento, ao contrario do que se fixo na guerra iraquí.
O Frontline Club albergaba así, unha das duascentas charlas e visionados que organiza anualmente esta organización de xornalistas independentes na súa sede situada no corazón de Londres, entre o teatral West End, o cosmopolita Notting Hill e o pulmón da cidade, Hyde Park. O corresponsal de renome da Corporation, John Simpson, salientaba que “Frontline será recordado coma un dos altos picos do xornalismo”. Segundo a páxina web, o propósito do clube é o de “protexer a liberdade de expresión e o apoio a xornalistas, cámaras e fotógrafos que arriscan as súas vidas ao longo do seu traballo”.



