Os arquitectos do fracaso
Berta Dávila repasa as problemáticas sociais no seu novo libro de relatos, A arte do fracaso. A moza di sentirse unha intrusa na narrativa e afirma cando lle preguntan polos xéneros: “A poesía é a casa á que sempre volvo”.
O fracaso é un punto en común na vida de todo individuo, somos, xa que logo, pequenos construtores do fracaso en maiúsculas, abstracto e omnipresente. Son, os artistas do fracaso e enxeñeiros da esperanza os que a escritora compostelá, Berta Dávila, quixo retratar no seu último libro, A arte do fracaso.
Este libro, publicado pola editorial Barbantesa, conta, dende unha perspectiva persoal, pequenas historias anónimas de seres que sofren e senten nunha entorna actual. Dávila afonda nunha serie de problemáticas “como son a incomunicación e a decepción» con personaxes cunha alta carga dramática pero facilmente identificables como son escritores e enfermos crónicos. Son xente da rúa que se sitúan nas marxes da sociedade cunha serie de traumas e fobias que están á orde do día.
O paso do tempo, a violencia machista, trastornos obsesivos e mesmo metaliteratura, son algún dos temas que están retratados en A arte do fracaso. A escritora compostelá afirma que o feito de haber moito humor e esaxeración, mesmo “fantasía do real”, non permite tomar os textos como radiografía social. Rubén Ruibal, no prólogo do libro, describe de xeito inmellorable a obra coma nu libro que ante todo fala das situacións nas que o ser humano, «que debería estar dando o peor de si, adiviña luces que nin imaxinaba».
A obra divídese en dúas partes, ‘Do escritor e doutros enfermos crónicos’, e ‘Sintomatoloxía’. Esta división alude, tal e como aclara a autora, a “unha cuestión de xénero máis que de temática”. Dávila sinala que a división e os título da A arte do fracaso, son consecuencia da estrutura da obra coma “un camiño de tránsito do relato á prosa poética, pasando polo microrrelato”. Deste modo, Dávila reflicte o seu propio camiño, «sempre cara a poesía».
A arte do fracaso trátase dun traballo que inclúe moitos xéneros e que dificilmente tería lugar nun andel concreto dunha librería, tal e como asegura o autor do prólogo. Isto ten que ver coa traxectoria de Berta Dávila no xénero poético. De feito, a autora dos poemarios Corpo Baleiro ou Dentro, afirma sentirse “máis cómoda” na poesía. Tamén recoñece que iso non significa que non teña intención de seguir facendo novela. Con todo, demostrou ser destra en ámbolos dous xéneros ao gañar o premio Biblos de novela no 2008 coa súa obra Bailarei sobre a túa tumba, que retrata os devires daqueles mozos e mozas nados nos 90, a xeración Xabarín.
Escritores novos
Berta Dávila describe o panorama literario galego como “moi rico, activo e variado en todos os ámbitos”. A que é unha das representantes da xeración máis nova de escritoras en Lingua Galega sinala que os escritores novos “teñen oportunidades excelentes” no país e cualifica o premio Biblos coma “unha iniciativa impresionante e interesantísima para calquera que esta comezando coma min”.
Con todo, Dávila, opina que é dificil vivir da literatura nos tempos que corren pero non imposíbel. «Hai múltiples oportunidades, dende colaborar en prensa, obradoiros e até recitais que están remunerados pero non sempre», asegura a xoven escritora, que afirma que os seus plans de futuro son «seguir traballando nos meus textos e seguir traballando sempre».





Encantoume! Bravo Olalla, segue neste camiño, gustoume moito o artigo.