Erasmus, un cúmulo de intereses
As becas Erasmus xeran beneficios educativos e tamén económicos
A USC está interesada en atraer alumnos Erasmus posto que dende Bolonia a universidade europea está sumida nun proceso de internacionalización que xera beneficios tanto económicos coma educativos. “En función da cantidade de alumnos Erasmus que se recibe, a universidade obtén axudas da Unión Europea”, apunta Marta Pérez Pereiro, coordinadora das bolsas de mobilidade de estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
Marta Pérez segue a súa argumentación dicindo que hoxe vivimos nun sistema de redes que o dominan todo, por iso cantas máis conexións haxa con outras universidades de todo o mundo, mellor. “Ao ensino universitario convenlle aproveitar a oportunidade de formar os futuros profesionais nun mercado internacional e móbil coma o actual”. Rebeca García, coordinadora da Facultade de Ciencias da Educación, considera que a divulgación do Espazo Europeo de Educación Superior permite desenvolver a dimensión europea do ensino, facilitar a mobilidade de estudantes, profesores e persoal investigador, mellorar a preparación dos mozos para o mercado de traballo a escala europea e estimular o intercambio de experiencias e información.
Este interese por promocionar e integrar a universidade compostelá no mundo é o que move á Oficina de Relacións Exteriores (ORE) da USC, encargada da xestión dos programas de mobilidade estatal e internacional así como de atender ás necesidades de estudantes, docentes e persoal administrativo neste campo. A ORE, un servizo administrativo dependente da Vicerreitoría de Relacións Institucionais, garante asesoramento e respaldo en todas as fases da mobilidade aos estudantes saíntes da USC de igual xeito que se encarga da acollida dos que chegan de fóra, maioritariamente Italia, Portugal e Francia segundo o xefe da oficina, Enrique López Veloso.
En canto aos destinos, este ano mudaron as tendencias. Fronte ás preferencias por Italia, un clásico nas solicitudes da USC, Marta Pérez desde Ciencias da Comunicación constata que este curso os estudantes se decidiron polos países nórdicos, Finlandia e Dinamarca, e novos destinos coma Grecia e Turquía. Isto débese a un cambio na normativa, segundo o cal, se lles esixe por primeira vez ter superado un exame de lingua aos interesados en viaxar a Italia e Portugal. A coordinadora Erasmus ve isto como unha medida positiva xa que “antes a xente non ía con un nivel de lingua axeitado para seguir unha clase e superar os exames orais”.
As cifras
No 2010, a ORE contabilizou 704 alumnos da USC que foron estudar a outras universidades europeas, 86 máis dos que se recibiron procedentes doutros países. Filoloxía, Administración de Empresas e Económicas son as ramas preferidas polos alumnos entrantes e carreiras coma Xornalismo e Comunicación Audiovisual, moito máis prácticas, soen recibir entre 15 e 20 alumnos Erasmus anuais. Os estudantes saíntes da USC con destino ás universidades europeas son a maioría. Na Facultade de Ciencias da Comunicación durante o curso pasado tivéronse fóra 70 dos 600 alumnos, o que provoca que algunhas clases queden practicamente desertas.



