O camiño dos devanceiros
Os Valuros perpetúan o patrón da música folclórica galega
Tal e como dicía Shakespeare, “o pasado é un prólogo”, e tal vez o presente nos axude a formar a narración do que hoxe é e do que esta por vir adiante. A historia da música galega tivo tamén o seu prolegómeno feito polos antepasados e a súa continuación depende da ancoraxe ao pasado. Moitos optarán pola innovación musical; outros quererán perpetuar o camiño dos devanceiros. “Os Valuros” fican na actualidade como sucesores do folclore tradicional galego e teñen no seu espírito o afán de festa e da romaría que deixaron os antigos.
“Intentamos que o noso folclore tradicional de toda a vida non morra”, explica a presidenta e tamén pandereteira do grupo, Ana Canto. Cando se fala dos “Valuros” hai que remontarse a 17 anos antes, na orixe da súa formación. No concello de Castro de Rei, mozos e mozas reúnense para aprender a arte dos instrumentos e a tocar nos días de festa dos lugares veciños. Conta con 25 compoñentes e dous profesores: “Autofinanciámonos nós mesmos, e iso pouca xente o pode dicir. Pagamos un total de 800 euros para repartir entre os profesores, que dan clases de baile e canto”, explica Ana.
O grupo amósase moi orgulloso do seu traballo e dos esquemas tradicionais da súa música. “Tocamos moita música tradicional, toda coñecida pola xente do pobo. Pero tamén hai música composta”. Javier García Canto, director do grupo, é o encargado de compoñer as cancións do grupo, pero sempre atendendo a patróns tradicionais e de orixe popular.
Cando se fala de Foxo, Ana afirma que “non debo opinar, porque el vai o seu e vivirá para sempre de subvencións”. “Os Valuros” remarcan o sentido humilde do seu traballo, a disposición a amenizar as celebracións dos máis vellos e dos máis novos e a ser de utilidade á música tradicional coa súa forma de tocar e de utilizar os instrumentos. “Nós temos moito que traballar para poder sobrevivir”. Cada xeración trae a nova xente e a novos alumnos pequenos que perseguen postergar a labor dos maiores coa súa música. “A nós non se nos caen os aneis. Cando imos ás festas dános igual tocar o que faga falla se a xente se amosa contenta”, explica Ana cando lembra as súas andainas por Galicia.
E o certo é que os que se amosan máis agradecidos pola música dos Valuros, son os máis vellos da zona, que “agardan por nós en cada romaría. Cando os da organización de veciños falan con nós explícannos que somos sempre os primeiros en ser solicitados”. O grupo vai acompañado cunha serie de instrumentos moi particulares do folclore galego como poden ser as gaitas, os tambores, pandeiretas, bombos e incluso os acordeóns. “Con nós a xente alégrase, participa cantando e bailando. A xente maior sobre todo, rexuvenece cando nos sinte tocar a rianxeira ou a muiñeira de Chantada”, explica a pandereteira.
O grupo tamén pasou fóra das fronteiras galegas e serviu ás lembranzas da xente dos centros galegos en lugares como París, Barcelona, Alcobendas ou Portugal. “A xente incluso se emocionaba ao vernos tocar. Era o feito sobre todo de ver o que fai moito tempo non vían”. Pero eles mesmos foron os que tomaron a iniciativa de crear o Festival Folclórico Os Valuros, de moita sona polos arredores galegos, e non tan arredores, xa que grupos internacionais son invitados á formar parte da festa galega. Tamén tiveron a oportunidade de tocar co famoso grupo vocal galego, Treixadura. “Tocamos case sempre xuntos e isto é de gran honra para todos nós”.
O mundo musical está aberto a todo tipo de circunstancias, de evolucións e de camiños narrativos que dean sentido a ese prólogo do que falaba Shakespeare. Os Valuros tentan seguir con ese fío lineal e sinxelo característico das xentes galegas. A humildade e a tradición forman parte da súa filosofía de vida e tentan seguir adiante “o noso traballo é moito e moi modesto, pero consideramos que estamos facendo un bo labor”. Existen bandas profesionais e grupos meirandes, porén, estas verbas de Ana quizais resuman moi ben todo o pensamento e o modo de vivir do grupo: “Somos algo particular… nós somos perfectos na nosa terra.”



