Losada abre as portas dun Ágora aínda en obras

O maior centro cívico destas características en España foi presentado aos cidadáns a pesares de atoparse inacabado e sen amoblar. O rexedor coruñés insistiu en que non se trataba dunha inauguración

O discurso de Losada sobrepasou os trinta minutos
O discurso de Losada sobrepasou os trinta minutos

O sábado 26 de marzo, os veciños dos barrios do Agra do Orzán, Ventorrillo e A Silva achegáronse para ver por primeira vez o interior das instalacións do centro cívico Ágora. Máis de dous anos de construcción e 12 millóns de euros en obras foron necesarios para que chegase este momento, sen embargo, o edificio atópabase baleiro e aínda sen rematar.

O Ágora púxose ao descuberto nun acto que o alcalde socialista Javier Losada, definiu coma “unha presentación”, concepto que repetiu en numerosas ocasións durante a súa intervención. Isto producíase coa normativa electoral en mente, que impón o día 28 de marzo como data límite para realizar inauguracións. Aínda así, o rexedor cometeu o erro de afirmar no seu discurso o “compromiso acadado de inaugurar antes do plazo electoral o edificio”. Declaración que posteriormente negou a Entérate, insistindo unha vez máis que o acto se trataba “dunha invitación a ver as instalacións”.

As actividades do centro cívico, iránse poñendo en marcha dun xeito escalonado a partir de abril, de modo que a programación do Ágora non se iniciará ata setembro. Tampouco esta dispoñible a que será a maior biblioteca da cidade, localizada no soto, e aínda pechada polo alto nivel de humidade.

O rexedor coruñés enorgullecíase de presentar o edificio coma “o maior centro interxeracional da Coruña, ofrecendo un espacio de encontro para os mozos e para os maiores”. Así, os 10.200 metros cadrados que forman o Ágora, contarán cunha ludoteca, biblioteca, un centro social, teatro, talleres de formación e varias salas de usos múltiples, así como unidades de xestión administrativa.

Durante o discurso, o alcalde aproveitou para expoñer todas as melloras que o Concello fixo e se dispón a acometer na zona: os 8 millóns investidos no Ventorrillo, os 7 millóns no barrio do Agra, a construcción da terceira ronda e o fin do poboado de Penamoa. A pesares de que aínda resisten algunhas chabolas no asentamento, este feito foi o único aplauso que se gañou por parte do público.

Ao remate da súa intervención, iniciou un percorrido polas instalacións, seguido de varios membros do goberno local, fotógrafos e demáis veciños. A guinda da presentación chegou no flamante auditorio, onde esperaba a artista Mercedes Peón, que deleitou a todos os asistentes coa interpretación de catro emocionantes temas.

«Só me responsabilizo da miña xestión”

Javier Losada confesou que, durante os últimos trinta anos, os case 60.000 residentes destes tres barrios apenas gozaron dos mesmos privilexios que o resto dos cidadáns. Sen embargo, as melloras realizadas durante os últimos catro anos nestes barrios, porános na vangarda da Coruña. Ante a cuestión de por que o goberno socialista non reparara nesta área da cidade ata os últimos catro anos, o alcalde coruñés argumentou que só se responsabilizaba da súa xestión.

Deste xeito, Javier Losada, que fora tenente de alcalde durante boa parte do mandato do seu colega de partido Francisco Vázquez, distanciábase da política levada polo seu antecesor no cargo.

Tagged as: , ,

Deixa o teu comentario