«Deberíase promover a verdadeira cultura galega»

Entrevista a Xesús Rodriguez, gaiteiro e compositor

Xesús Rodriguez nunha actuación de Cabo Norte
Xesús Rodriguez nunha actuación de Cabo Norte

A piques de comezar a entrevista, Xesús móvese impaciente na cadeira na que se atopa sentado. Mira para os lados cun certo nerviosismo, o cal se atenúa por un leve sorriso que anula a tensión e crea un clima de plena tranquilidade. É abril, pero o sol alumea no alto como dándonos os bos días. Con toda esta luminosidade, a miña mirada se dirixe á do gaiteiro, o cal trae novos aires á terra galega despois dunha longa tempada en Barcelona.

Desde moi neno a música está presente na súa vida, que significa e significou para vostede isto?

Para min o feito de ter a «música collida da man» practicamente dende que nacín, supón un privilexio e grazas a iso podo presumir de vivir a música cunha gran paixón. Todo elo me creou unha filosofía de vida.

Onde deu os primeiros pasos profesionais como gaiteiro?

Podo dicir que comecei a tomar a música dende un punto de vista profesional a partir da miña estancia en Barcelona, onde fun profesor de gaita en distintos centros culturais galegos, ademais de impartir cursos no sur de Francia. O último proxecto musical, no cal fun solista e compositor, foi na banda barcelonesa Cabo Norte, a cal tiven que deixar pola necesidade de volver á «terra».

Teñen os gaiteiros galegos o recoñecemento que merecen en Galicia ou son máis valorados fora das nosas fronteiras?

Por sorte ou por desgraza, a gaita esperta máis interese fora de Galicia, como comprobei ó facer concertos a nivel internacional. Grazas a xente que vive e valora o folclore galego, a nosa tradición e cultura se mantén viva.

Cal é para vostede a esencia da música tradicional galega?

Para min, sen dúbida, é a festividade, a liberdade de expresión,o reencontro… pero sobre todo manter viva unha cultura.

O termo celta e galego van da man, cal é a relación entre ambos?

A música galega, pese a posibles opinións en contra, tamén representa parte da musica celta. A diferenza entre as músicas de países como Irlanda, Escocia ou Gran Bretaña é que a nosa representa a parte máis festiva. Poderíamos dicir que Galicia é a parte «latina» do mundo celta.

Como se atopa nestes intres o panorama galego de música tradicional?

Por sorte, parece que a musica galega sigue viva grazas aos tantos grupos e centros culturais que dedican todo o seu esforzo para que siga adiante. Desgraciadamente non todo o mundo ten moi claro o concepto da tradición.

Un dos debates que nestes intres está a cobrar unha gran importancia é a creación e fomento dun tipo de bandas que non se axustan a tradición galega, pódemos explicar como naceu e se expandiu isto?

Este tipo de bandas, denominadas como marciais, naceron fai varias décadas pola man de X.L Foxo, creador da Real Banda da Deputación de Ourense. Foron creadas copiando literalmente a cultura escocesa en canto a instrumentos musicais se refire, ademais de inventar un novo traxe galego. Hoxe en día sumáronse máis bandas deste mesmo xeito. Pero o maior problema de todo isto é que son coñecidas a nivel internacional en representación da cultura galega, creando unha imaxe trabucada de Galicia.

Como considera que isto se podería solucionar?

Deberíase promover máis a verdadeira cultura galega para dar a coñecer o concepto da tradición. E que a Xunta deixara de subvencionar instrumentos non tradicionais ós grupos folclóricos.

E xa por último, vainos sorprender dentro de pouco con algunha actuación ou disco?

Neste momento atópome en varios proxectos musicais, e cun deles me dispoño a gravar un disco, ademais de ter unha axenda chea de concertos por Francia que me farán estar ocupado durante todo o verán.



Tagged as: , , , ,

Deixa o teu comentario