A arte de estirar as bolsas Erasmus
Este ano reduciuse a contía das bolsas Erasmus e dende a Oficina de Relacións Exteriores da USC consideran que son insuficientes
En función do país de destino Erasmus escollido e da situación económica de cada estudante, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación ofrecen un sistema de bolsas específico. Se ben é certo que a contía destas axudas depende de moitos factores, soe ser unha cuestión suxeita a polémica.
Este ano produciuse unha baixada nas solicitudes de Erasmus e unha subida nas bolsas de mobilidade do Estado, Séneca, moito máis cuantiosas. Segundo o xefe da Oficina de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso, esta caída débese a unha redución na contía das bolsas Erasmus, ás que, engade, considera que son insuficientes na maioría dos casos. Marta Pérez Pereiro, coordinadora Erasmus da Facultade de Ciencias da Comunicación, vai máis aló e afirma que “non existe garantía democrática de Erasmus” dende o momento en que os estudantes se inhiben de solicitar a mobilidade por razóns económicas. “Cómpre reclamar bolsas mellores” porque coas cantidades actuais os alumnos necesitan ter aforrado, traballar ou pedir a axuda dos pais. “Os Erasmus son para xente que se pode permitir vivir noutro país e a maioría non pode”, sentencia a coordinadora.
Pola contra, Rebeca García, dende Ciencias da Educación, apunta que as bolsas Erasmus que ofrece a Xunta de Galicia e as do Ministerio de Educación son “boas” e “dan para vivir”. Proba disto é que na facultade onde traballa este ano aumentou o número de solicitudes de xeito que houbo alumnos que quedaron sen praza. Aínda que recoñece que “sempre sería interesante que se ofertaran máis axudas”, considera que este non é o principal obstáculo para solicitar un programa de mobilidade, senón que as dificultades lingüísticas pesan máis á hora de decidir optar por este camiño ou non.
O atranco do inglés
Á hora de atraer a alumnos das universidades europeas a Compostela, emerxe unha dificultade que a USC aínda non foi quen de superar: o inglés. Marta Pérez, desde a súa experiencia como coordinadora de convenios de intercambio con outras facultades, obtivo respostas deste tipo: “gústanos moito o voso plan de estudos, pero non impartides absolutamente nada en inglés e os nosos alumnos non saben español”.
Noruega, Finlandia, Dinamarca son destinos escollidos polos alumnos saíntes da USC, pero, agás excepcións, non hai alumnos entrantes que procedan destes lugares de orixe. Con respecto á docencia en inglés, unha das maiores eivas da USC na que tamén coinciden o xefe da Oficina de Relacións Exteriores e a coordinadora Rebeca García, Marta confesa que se lle formula un debate persoal. Por unha banda, a súa conciencia dítalle dar clases en galego porque “é a miña lingua e polo tanto un vehículo educativo tan válido coma calquera outro”, pero, por outra banda, a docencia en inglés atraería a máis estudantes estranxeiros.
Actividades de integración de Erasmus
Ao dereito de aterrar, despois de rematar de encher os infinitos formularios e con nove longos meses de curso académico por diante, o menos importante para un “Erasmus” é tratar de integrarse na cidade e coñecer xente. En calquera caso, a Oficina de Relacións Exteriores da Universidade de Santiago encargarase de facilitar as cousas a través das actividades de orientación e integración. Dende cursos gratuítos de español, pasando por reunións, seminarios de formación, visitas a institucións e incluso un Internacional Day no que organizar intercambios culturais en toda regra, a ORE traballa por facilitarlle acollida en Compostela aos alumnos de fóra. Toda unha serie de actividades recollidas na web internacional da USC a disposición de quen estea interesado.
A información
Ao contrario do que opinan os propios estudantes, Rebeca García, responsable dunha investigación sobre a materia dos Erasmus e a información que estes reciben dos programas de mobilidade, “podería corroborar que a información que lle ofrece a USC ao alumnado é boa, cada vez maior e os coordinadores Erasmus están máis formados no tema co paso do tempo”. Baseándose nas investigacións realizadas dende Ciencias da Educación para avaliar o grao de información da que dispoñía o alumnado universitario sobre o programa Erasmus no curso académico 2006-2007, os resultados confirmaban carencias nas accións de promoción e información que a propia universidade lles ofertaba aos alumnos para tomar a decisión de mobilidade. O alumnado sinalaba que as fontes de información da USC neste campo eran deficientes hai catro anos.
Porén, a día de hoxe “constatamos que cada vez existen máis fontes de información dende a propia universidade”. Rebeca destaca sobre todo a páxina web internacional da USC na que se ofrecen “gran cantidade de datos”. Pero ademais da información online, as distintas facultades do campus organizan coloquios informativos para orientar aos alumnos sobre os trámites básicos, as probas de idiomas e as bolsas. A investigadora recoñece que aínda non teñen datos para averiguar se os alumnos valoran máis a información oficial ou o “boca a boca”. En calquera caso, conclúe, de comprobar que esta última está mellor valorada, “a USC tería que tomar medidas”.



