Guía para intrépidos estudantes da USC que deciden converterse en Erasmus
Todo o que debes saber ou manual de autoaxuda para saír airoso dunha experiencia Erasmus
Santiago é punto de chegada para moitos estudantes Erasmus, pero tamén o é de partida para aqueles que deciden estudar un ano fóra en países como Turquía, Francia ou Finlandia.
Os estudantes Erasmus composteláns queixanse da xestión da USC á hora de que se lles dea información antes de chegar ás universidades de destino. Laméntanse de que nalgún caso aínda se lles dera a coñecer no mes de abril se as asignaturas elexidas nas súas novas universidades europeas eran suficientes para convalidar o número total de créditos das súas carreiras. E tamén se indignan ante a lentitude da burocracia santiaguesa pois os seus correos son respondidos desde os órganos da USC con semanas de retraso. Pero como é realmente a situación nos destinos escollidos?
As primeiras semanas ou a necesidade dun titor
Chegas a unha cidade que non coñeces, na maioría dos casos sen compañía. As rúas son diferentes, a xente fala “raro” e ti es simplemente “un Erasmus”. Como facer para integrarte na túa nova Universidade?
As facilidades e opcións son diferentes dependendo do centro. En todas as Universidades os estudantes Erasmus contan coa axuda dun titor académico na súa facultade que os axuda nas cuestións académicas. Mais unha vez rematadas as aulas as opcións son diferentes. No mellor dos casos pódes contar coa axuda dun copilote, buddy ou titor. Isto é un estudante da mesma rama de estudos ca ti que te axuda nos primeiros días cos “papeis” e che ensina cousas sobre o sistema universitario e a vida social e cultural da cidade. Malia que o éxito non está sempre garantido.
Iria Ameixeiras escolleu Finlandia como destino e a University of Jyvaskyla converteuse no seu centro de estudos. Alí coñeceu á súa titora, Tiina Riine, que hoxe en día é unha das súas mellores amigas nese lugar próximo ao polo. Rafael Silva cambiou o norte polo sur e marchou á Univerdidade de Anadolu en Turquía, o primeiro día viu ao seu buddy, pero só foi o primeiro día…
Outra opción que teñen os estudantes Erasmus son as asociacións feitas por estudantes da Universidade para aqueles que chegan doutros países. Este é o caso da universidade de Aristoteleion Panepistimion Thessalonikis en Thessaloniki, Grecia, onde se atopa Lorena Lage. Alí a asociación de Erasmus ofrécelle continuamente visitas a puntos de interese en Grecia e visitas a museos. Estas asociacións existen en prácticamente todas as Universidades europeas. Están formadas por alumnos da Universidade e ofrecen diferentes actividades para os estudantes Erasmus que poden aproveitar para coñecer o país e a xente na mesma situación que eles.
Buscar un fogar non sempre é complicado
Sen dúbida unha das preocupacións máis importantes dos estudantes Erasmus é buscar onde vivir. Residencia ou apartamento? Vivir só ou acompañado? Todo depende do país de destino.
Gema Miranda estuda na Universidade de Macerata en Italia. Ao comezo do prazo de solicitude de mobilidade a súa Univerdidade deulle a opción e aloxarse nunha residencia ou nun apartamento. Ela solicitou a residencia pero esta non lle foi concedida debido á falta de prazas e tamén a que estudantes doutras nacionalidades como os turcos deben ter asignada unha praza nas universidades para poder estudar fóra. Polo que tivo que buscar un apartamento.
María Domínguez tamén se atopa estudando en Italia, pero neste caso na Università Degli Studi Di Torino. En Turín os estudantes Erasmus non teñen dereito a residir en residencias públicas polo que teñen que alugar pisos. Para isto as primeiras semanas aloxouse nun hostal barato e máis tarde a asociación de Erasmus da súa Universidade facilitoulle certos enderezos que facilitan pisos para estudantes Erasmus. Tanto ela como a maioría da xente do seu grupo atopou morada deste xeito.
Mais non todos se tiveron que quedar cun piso, o caso de Alba Otero que estuda na Universite D ́Avignon foi moito máis doado. Alba solicitou praza para calquera das residencias públicas de Avignon e ao cabo dun tempo o Service de Relations Internationales da Universidade mandoulle un correo dicindo que tiña unha habitación cunha serie de características e que se a quería debía de cubrir uns impresos e envialos canto antes. Así o fixo e cando chegou a Avignon xa tiña a súa praza nunha residencia pública. Caso similar foi o de Iria Ameixeiras que só tivo que cubrir un impreso xunto co da matrícula para gozar de aloxamento nunha residencia universitaria finesa.
Problemas coa lingua ou como ser un perfecto políglota
É difícil (sobre)vivir en Turquía sen falar Turco ou en Filandia sen falar finés? Pódese seguir sen problema unha clase en italiano sen falalo?
As realidades lingüísticas son moi diferentes en cada unha das universidades. Se o teu destino é a University of Jyvaskyla (lembremos que está en Finlandia) tes a oportunidade de escoller todas as materias en inglés ou mesmo algunha en español como fixo Iria. Ademais diso podes acudir gratuítamente a cursos de diferentes linguas no centro de linguas da universidade podendo elexir todos os que o teu horario che permita.
Se estudas en Italia as túas aulas serán en italiano, pero iso si, ao principio tes a oportunidade de facer un curso de italiano gratuíto onde segundo Gema aprendeu a comunicarse a nivel básico. Á hora de facer os exames se fala co profesor pode facelos en inglés e se quere tamén ten a opción de acudir a cursos gratuítos de italiano no Centro de Relacións Internacionais da Universidade de Macerata durante todo o ano.
En Grecia as clases impártense en grego e inglés, algo que Lorena Lage ve moi positivo polo feito de que deste xeito non só os estudantes Erasmus teñen a posibilidade de cursar as asignaturas noutra lingua. En Turquía as clases de Rafael son impartidas na súa maioría en inglés e no caso de que se impartan en turco os profesores implantan titorías aparte para os estudantes Erasmus.

Estudantes na Universidade de Avignon en Francia
Con quen compartir pupitre
A maioría dos estudantes que veñen á USC son Frances, Portugueses e Italianos, pero que pasa no resto das universidades? Hai máis variedade en canto á nacionalidade dos estudantes Erasmus ou en todas hai certas nacionalidades que predominan?
Polacos, lituanos, estonios, letóns, checos, italianos, franceses, kazakistanies, canadienses, rumanos, belgas, holandeses, gregos, españois, portugueses, alemáns, e un largo etc é o quen segundo Rafael Silva te podes atopar na Universidade de Anadolu.
Outro exemplo de variedade é o de Alba quen afirma que no caso de Avignon te podes atopar polas facultades con xente de Italia, Alemaña, Holanda, Inglaterra, Grecia, Polonia, Bélxica, España, República Checa, Rumanía, Bulgaría, Hungría, Austria, Suecia, Romanía, Eslovenia. E tamén xente de convenio bilateral procedente de Brasil, Colombia, Arxentina, EEUU, China, Taiwan, Australia, Canadá, India, Irán, Alxeria, Túnez…
Porén non todas as Universidades son tan multiculturais. Por exemplo no caso da Universidade de Macerata Gema atopouse con que a maioría dos estudantes son españois, polacos e turcos.
Cuestión de cartos
Un dos maiores temores á hora de decidir facer un Erasmus é a incerteza de saber se os cartos das becas serán suficientes para poder vivir comodamente. Aqueles que marchan de Erasmus contan cunha beca da USC, outra da Xunta e nalgúns casos tamén cunha beca do ministerio. Os máis afortunados teñen a opción de contar con becas do estado ao que van a estudar, malia que estas non adoitan ser moi cuantiosas.
O total da beca varía bastante dependendo dos ingresos e que ese total sexa suficiente para chegar a fin de mes depende do país no que te atopes. No caso de Rafael Silva di que “non hai queixa”. A el déronlle a beca do mec de todos os anos, así como a da Xunta e a da USC. Asegura que con 500 ao mes podes vivir ben en Turquía. O aluguer do piso non adoita ser máis de 150 euros e comer é moi barato polo que para el si que é posible vivir das becas.
O caso de Gema é diferente a ela a Xunta dálle 100 ao mes xunto e a USC 150 polo que suma un total 250 euros ao mes en axudas. Ademais asegura que no mellor dos casos estas axudas mensuais non superan os 350 euros e tendo en conta que un paquete de cereais custa 4 euros en Macerata os cartos vanse case por completo en comida.
Outro exemplo de becas que non chegan é o de Iria Ameixerias que reside nun país no que os cafés custan cinco euros e os paquetes de chicles non baixan dos tres. Así como María Dosil que paga 350 euros polo seu piso ou Lorena Lage que malia que non está segura de cal será a cantidade total das becas ten xa asumido que tocará pór cartos do peto.
Marchar ou quedar?
Todos eles están contentos coas súas experiencias. Iria Ameixeiras destaca a calidade do sistema educativo finés onde as aulas sobre xornalismo internacional se imparten con xornalistas internacionais e non cunha amplia bibliografía das súas obras. María Domínguez afirma estar moi contenta co seu “ano sabático” e Alba Otero síntese orgullosa de ser quen de coller os seus apuntamentos en francés.
Algúns tamén teñen anécdotas coa policía e ligues internacionais, pero iso, xa roza o sensacionalismo.



