Redes sociais hoxe

Galicia medra nas redes sociais pero un paso por detrás de España
As múltiples posibilidades de comunicación que ofrece internet están provocando un cambio nas relación sociais. As redes sociais estenderon a capacidade dos seres humanos de estar en contacto entre eles, facilitan a creación e aumentan os vínculos sociais persoais grazas á supresión das variables tempo e espazo. Trátase dun fenómeno novo do que aínda non se coñece como evolucionará e que usos potenciais poden acabar tendo estas ferramentas.

Cada vez o uso de internet está máis enfocado a ‘socializar’, ben sexa con familiares e amigos ou co fin de coñecer xente nova.  No caso de redes como Twitter, un dos seus fins principais é saber o que a xente pensa, xa sexan expertos, amigos ou entidades corporativas. O seu uso é maioritario, tal e como asegura o Informe da Sociedade da Información en España no 2010, feito por Telefónica. De feito, neste escrito puntualízase que “arredor do 50% dos usuarios de internet en España utiliza algunha rede social e no caso dos adolescentes esta cifra acada un 78%”. Tendo en conta que o Instituto Nacional de Estatística cifra en 26,9 millóns o número de internautas no primeiro trimestre do 2010, podemos falar de que existen arredor de 13,5 millóns de persoas que utilizan as redes sociais nun país de máis de 48 millóns de habitantes.

As tres principais redes sociais en España son, por este orde, facebook, tuenti e twitter. Cada unha delas está enfocada a un perfil ou un uso social. Por unha banda, o perfil do usuario dunha rede social determina como a vai usar, por exemplo, este é diferente segundo a idade. Canto máis idade teña o usuario máis tenden a pesar as relacións profesionais nas redes sociais. Isto vese moi facilmente en Twitter, que conta, segundo datos do Informe da Sociedade da Información, con “máis de 145 millóns de usuarios rexistrados” e cuxo uso é esencialmente profesional. No noso marco máis próximo, en España, o 75% dos twitteiros afirma usala “por motivos profesionais”, segundo os datos de Telefónica. Tuenti, en cambio, adoitan usalo os usuarios máis novos e facebook permite un maior intercambio de datos.

A utilización destes social media tivo un ascenso notable nos últimos anos e o seu impacto social foi enorme. No caso de Galicia, o uso das redes sociais multiplicouse por seis entre os mozos e mozas, durante o ano 2009, o que supón, segundo o informe da Sociedade da Información en España dese ano, un aumento do 500%. Os social media non deteñen o seu crecemento a pesares da crise.

Táboa extraída do Informe da Sociedade da Información 2010 de Telefónica
Táboa extraída do Informe da Sociedade da Información 2010 de Telefónica

O atraso galego

Malia o rápido ascenso das cifras referidas á penetración das redes sociais en Galicia, no que a social media se refire, o certo é que, en palabras do fundador de Hosteleo, o galego Manuel Barrientos, “vamos un poco atrás de otras comunidades más grandes y poderosas, pero avanzamos a un buen nivel”. Esta é a opinión de boa parte dos community manager galegos, todos coinciden en que se está a facer unha labor moi creativa pero a pequena escala.

Este paso atrás do que fala Barrientos vese xustificado polo retraso tecnolóxico que sofre Galicia con respecto a outras partes do estado español. Segundo datos do INE na Enquisa sobre Equipamento e uso das Tecnoloxías da Información nos Fogares do ano 2010, Galicia xunto con Canarias, non acadan o 90% da media estatal de uso de ordenadores e internet e sitúanse nos últimos postos seguidos por Estremadura.

Estes datos non se deben só a un atraso no campo da tecnoloxía, senón que está intimamente relacionado coa idiosincrasia de Galicia e con trazos a súa poboación, maiormente envellecida. Segundo cifras que manexaba o IGE no 2009, por cada 100 mozos menores de 20 anos, hai en Galicia, 135 persoas maiores de 64.

Como é de esperar a adaptabilidade das persoas ás novas tecnoloxías e a adopción de internet coma instrumento da vida diaria non se da un xeito homoxéneo na sociedade e son as persoas de máis idade as que teñen máis problemas para achegarse ás novas tecnoloxías, tal e como recolle o informe de Telefónica.

Até o de agora, os líderes da adopción foron, sen dúbida os máis novos que case na súa totalidade realizan actividades no eido dixital coma ver vídeos, escoitar música ou acceder a contidos audiovisuais. Esta dinámica repítese en diferentes países e normalmente as taxas máis altas de uso de internet son froito de países cun alto índice de desenvolvemento tecnolóxico como é Dinamarca ou cunha poboación nova, coma no caso de Eslovaquia.

Linguas e redes sociais
A ferramenta Google Trends permítenos observar a fluctuación da lingua nas buscas de google das tres redes sociais maioritarias, facebook, tuenti e twitter, co que poderiamos facernos unha idea dos idiomas que se utilizan nas redes sociais.

Así descubrimos que en Barcelona a lingua máis usada nas buscas do concepto `facebook´ é o inglés, despois o catalá e por último o castelán. No País Vasco, esta tendencia non é tan marcada e na única das redes nas que se percibe a diferencia lingüística é tuenti, na que as buscas en español e inglés son a metade que as que se fan en éuscaro.

No caso de Galicia, segundo a aplicación Google Trends, ‘twitter’ é maiormente buscado en inglés, seguido do galego e despois en castelán. Con todo, esta tendencia de uso do galego no referido ás redes sociais non continúa en redes coma tuenti ou facebook. Nesta última, o español é a lingua máis utilizada e no tuenti, o galego é a lingua na que se establecen a meirande parte das procuras, tendencia semellante á do éuscaro.

Tagged as: , , , , ,

Deixa o teu comentario