A Lei de Augas afúndese coas municipais

O polémico canon universal sobre o consumo de auga incluído na nova normativa serve como arma política da oposición

O escritor irlandés James Joyce meditaba na medida en que se pode ser propietario da auga en realidade: “A auga, sempre fluíndo no fluír, nunca sendo a mesma, que no fluír da vida rastreamos. Porque a vida é un fluír” argumentaba. A auga é o fluír da vida de miles de galegos e a súa principal fonte de recursos, sen embargo o goberno popular presidido por Alberto Núñez Feijoo pareceu atopar unha resposta a formulación do irlandés adquirindo un devengo polo consumo da auga sobre todos os usuarios.

Así o establecía o preámbulo de Lei de Augas de Galicia en novembro de 2009. Como se dun mesmo río se tratara, a Lei foi mutando ao longo do seu cauce ata a súa desembocadura marcada, segundo as forzas da oposición, nas eleccións municipais do mes de maio do presente ano. Deste xeito, o anteproxecto de lei establecía no seu artigo 45 que se debería abonar un canon «tanto polo uso ou consumo da auga facilitada por entidades subministradoras como polo uso e consumo da auga procedente de captacións propias, superficiais ou subterráneas».

Este cambio na normativa supuña a aplicación do canon a sectores que anteriormente non sufrían o gravame, como as poboacións menores de dous mil habitantes e os que dispuñan de traída municipal. Á marxe quedarían as actividades agrícolas e gandeiras, as de extinción de incendio e as destinadas a abastecer fontes, limpar rúas e regar xardíns, sempre que non resultasen accións contaminantes.

O proxecto de Lei abandonaría o seu carácter universal en xuño de 2010, momento no que a Xunta decide non cobrar o imposto aos fogares que empregan augas procedentes de pozos propios ou de traídas veciñais, a raíz dun estudio onde se sinalaba un maior desembolso económico no servizo de xestión tributaria que na propia recadación dos impostos. A Consellería de Medio Ambiente estimou que as 620.000 persoas (o 23% da poboación galega) que se abastecen a través de pozos propios e traídas, sufragaron as acometidas de captación do abastecemento de auga cos seus propios orzamentos, previndo para eles unha bonificación do 80% na tarifa base. Deste xeito, estes galegos pagarían un total de 1,2 euros ao ano, algo que segundo o concelleiro Agustín Hernández “non ten sentido”. O popular consideraba que así trasladaba a Directiva Marco da Auga da UE á normativa galega, tendo en conta la realidade da Comunidade.

Ante as críticas e rexeitamento da oposición, que definían a Lei de Augas coma unha lei con “afán recadatorio” (dos 34 millóns de euros ingresados polo canon se pasarían aos 68), a norma foi aprobada o 26 de outubro de 2010, entrando en vigor o 14 de decembro. O popular Daniel Varela argumentou que “todos contaminamos e todos temos a obrigación a contribuír”, fronte as opinións da parlamentaria nacionalista Isabel Sánchez Montenegro, quen afirmou que esta Lei «non fixa obxectivos nin establece medidas para mellorar a calidade da auga».

Polo tanto o novo marco normativo establece dous principios: a creación do canon sobre a auga, en substitución do actual canon de saneamento; e a fusión de Augas de Galicia e a EPOSH (Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos), que suporá en materia de persoal máis de 211.000 euros ao ano e unha maior autonomía.

A pesares da súa posta en vigor, a aplicación real da Lei parece estar suspendida ata o paso das eleccións municipais. Así o sinala a portavoz de Medio Ambiente do PSdeG, Carmen Gallego, tras argumentar que en realidade, a Xunta comezaría a cobrar o canon polos seus usos de xeito universal ata pasadas as eleccións, acusando ao conselleiro Agustín Hernández de «mentir» e “manipular”. A nacionalista Maribel Sánchez Montenegro coincide coa súa homóloga socialista e presentou no Parlamento, xunto ao portavoz nacional, Guillerme Vázquez, case 14.000 firmas no rexistro para reclamar a supresión da Lei.

Por outra parte, socialistas e nacionalistas non son os únicos escépticos e críticos coa lei e o modo en que se desenvolverá. Unha plataforma composta co obxectivo de derrogar a Lei de Augas e na que sobresaen varias importantes organizacións sociais, coma o Sindicato Labrego Galego (SLG), Altermundo ou Verdegaia, convocaron xa unha manifestación para o próximo 20 de marzo en Santiago. Segundo a portavoz do Sindicato Labrego, Carme Freire, a Lei «privatiza e converte nun obxecto de lucro e un negocio un elemento básico para a vida como a auga».

Deixa o teu comentario