A arquitectura como contedor artístico
Unha parte do patrimonio histórico compostelano reutilízase con fines museísticos
A reutilización do patrimonio histórico ofrece múltiples posibilidades. Unha delas é a de utilizado de contedor de arte e convertelo nun espazo totalmente novo, onde as obras artísticas sexan o punto principal. En Compostela existen diversos exemplos, pero é de obrigada prioridade comezar polo complexo catedralicio que, dentro da reutilización da arquitectura relixiosa, álzase como o principal representante.
Ao falar da musealización da Catedral compostelá non só nos referimos ao espazo fundado en 1930 e que tamén abarca o claustro: é preciso engadir a revaloración e reutilización das cubertas, abertas ao público en xeral desde fai 3 anos. Ademais, coa celebración no presente ano do 800 aniversario, abríronse por primeira vez as escavacións que se atopan no interior do inmoble.
O museo catedralicio, atópase na parte oeste, e posúe un diverso fondo de pintura, escultura, tapices e códices, que van desde a época romana ata o día de hoxe. Este espazo está formado polo museo do claustro, a cripta do Pórtico da Gloria, o Panteón Real e o Pazo Xelmírez. O Museo do Claustro ten varias salas, capelas e o claustro propiamente dito, con pezas como a antiga portada de Praterías, o vello rosetón da portada occidental ou o retablo da transfiguración de Cristo. A cripta é o ámbito sobre o que o Mestre Mateo realizou o fermoso Pórtico da Gloria; nela, obsérvanse ricas esculturas nos capiteis e diversas obras extraídas das reformas que houbo a través do tempo. No Panteón Real atópanse os sepulcros de Fernando II e Afonso IX, xunto con pezas de arte sacro de marfil, vidro e metais preciosos, como o relicario de Cristóbal de Juan de Arfe. O seu carón deste gran museo, atópase o pazo Xelmírez, un dos mellores conservados da península, datado de 1117 e no que se acollen exposicións temporais.
No 2008, os tellados democratizáronse. Ata este intre só tiveran unha visión privilexiada deles certos visitantes. Pero agora un itinerario duns 300 metros de percorrido nos invita a gozalos, iso si, desde unha pasarela. Isto débese a que, a pesar de que os tellados se atopan escalonados e se pode camiñar por eles, hai zonas perigosas, sobre todo polas canles para a recollida da choiva cun alto risco de esvarar pola humidade. Este foi o motivo que obrigou a colocar unha pasarela de rexilla para filtrar a auga, con luces e barandelas en numerosos puntos. Esta intervención realizada polo arquitecto Ricardo Sáez é totalmente reversible e non agrede nin altera ó inmoble.
A Catedral é só un dos exemplos de reutilización de Patrimonio que atopamos en Compostela. Xusto ao seu carón temos o convento de San Paio de Antealtares, fundado no 830 por Afonso II o Casto. O seu uso primixenio era dar cobizo a doce monxes bieitos que tiñan como misión manter o culto e coidar as reliquias do Apóstolo Santiago. O seu interior alberga un museo de arte sacro desde o 1971, con dúas salas de exposicións nas que destacan pezas como a ara de mármore e a columna do primitivo altar da Catedral, así como vestimenta litúrxica, imaxinería, pintura ou orfebrería. O conxunto péchase coa igrexa e as obras que contén, na cal se segue a ofrecer liturxia todos os días. O resto do inmoble non é visitable, ao albergar unha orde de monxas beneditinas de clausura. Moi preto deste inmoble atopamos unha sala expositiva, como é a Casa da Parra, obra de finais do século XVII e realizada por Domingo de Andrade cunha gran riqueza decorativa. O seu quefacer é fundamental, xa que os artistas que expoñen son galegos, difundindo deste xeito a arte da terra galega. Tamén a uns metros do conxunto catedralicio, temos o convento de San Martiño Pinario, hoxe museo, hospedaría e facultade, sendo un dos conxuntos de esta índole máis grande de toda España. A parte museística se atopa na igrexa, onde se atopamos o coro de madeira da Catedral.
Seguindo intramuros, atopamos dúas arquitecturas relixiosas máis que conteñen espazos musealizados, pero con fins moi diferentes: San Francisco, co museo de Terra Santa e a Igrexa da Compañía. O Museo de Terra Santa atópase nun dos claustros do convento, fundado en 1214. Organízase en diferentes seccións, que inclúen pezas desde o Paleolítico ata hoxe en día, coa terra Santa como eixe central de todo a exposición. Pola contra, a igrexa da Compañía, que pertence a Universidade de Santiago e conserva toda a retablística barroca e o seu órgano orixinal, ten como uso o de espazo expositivo e cámara de música.
No límite do casco histórico teríamos o convento de Santo Domingo de Bonaval, fundado no século XIII. A desamortización de Mendizábal trouxo con ela a exclaustración das ordes relixiosas; isto levaría a que o convento pasara a mans do concello compostelá sendo, despois de múltiples usos, museo municipal desde 1963 e Museo do Pobo Galego a partires de 1977. A súa idea orixinal é a de salvagardar tradicións e costumes que poden resultar esquecidas, pero que constitúen a esencia da identidade dun pobo. Diversas salas permanentes monotemáticas en relación ca mar, o campo, os oficios tradicionais, a música, a sociedade, a tradición, o traxe ou a prensa forman esta singular colección.
En estrita relación co Santiago relixioso e co Camiño, temos o museo das peregrinacións. Naceu en 1951 para servir de explicación ao visitante de como se conformou a cidade de Compostela en base ao fenómeno das peregrinacións. O espazo trátase dunha casa gótica (con modificacións dos séculos XVI e XVII), albergando nas súas tres plantas sete salas (fixas e temporais) onde se expoñen imaxes, obxectos e documentos que contan a rica historia do Camiño de Santiago. Actualmente estase a remodelar na praza de Praterías o antigo edificio do Antigo Banco de España, nova sede deste museo.
Dentro da reutilización do patrimonio tamén entraron fortemente os bancos. Dúas caixas, como son Caixa Galicia e Caixa Nova, teñen uns espazos dedicados a arte e a súa divulgación. A Fundación Caixa Galicia levántase na rúa do Vilar e foi propiedade do cabildo ata o século XIX. Na rehabilitación levada cabo para a súa apertura, intentouse conservar a súa estrutura orixinal facendo fincapé nos elementos preexistentes e que a facían singular, como o caso do pozo que se conserva na planta baixa. Este espazo utilízase para exposición temporais, harmonizando arquitectura e arte. E nunha das prazas máis emblemáticas de Santiago, como é a de Cervantes, situouse apenas fai un ano o novo Centro Social de Caixa Nova, o que haberá que sumarlle o auditorio que se abrirá ao longo deste ano. O edificio foi rehabilitado polo arquitecto José Luís Pereiro, resaltando os espazos diáfanos que favorecen as exposicións que acolle nas súas tres salas.
Con todo este patrimonio, Compostela álzase como un gran contedor artístico que invita tanto o habitante, o peregrino ou o turista a recorrer e redescubrir unha e outra vez o seus tesouros conseguindo, ademais, a salvagarda do patrimonio histórico para o noso desfrute e das próximas xeracións.



