O maior espectáculo do mundo con acento galego
Tralo peche das dúas únicas empresas galegas de circo tradicional hai escasamente cinco anos, Circolandia pretende renovar esta arte dándolle pinceladas da música, o teatro e a danza.

Leo o pallaso e Miss Manduca posando para as cámaras de Entérate ao final da actuación.
A tradición do circo galego volve a escena. Baixo o nome de Circolandia, unha ducia de artistas dálle vida a unha particular historia na que os malabares, os equilibrios e humor se entrelazan cos personaxes de televisión nun espectáculo único destinado a toda a familia, con especial predilección polos máis cativos.
Sen animais nin carpas, Circolandia móvese de localidade en localidade traballando en teatros, casas de cultura ou pavillóns, xa que, segundo o seu creador Jose Antonio Fernández “sacar un circo con carpa no inverno é un suicidio” en referencias ás condicións climatolóxicas características do noso país.
A función, de hora e media de duración, botou a andar hai escasamente un mes na cidade da Coruña, coa particularidade de misturar os números tradicionais de circo cunha posta en escena máis preparada, impregnando coa tónica circense as fantasías de Mickey Mouse ou Epi e Blas, entre outros personaxes da televisión que fan as súas aparicións en directo.
O proxecto de facer un circo diferente, “dándolle maior protagonismo ao público infantil” xurdiu, segundo Jose Antonio, “pola necesidade de cubrir un oco no mercado galego” que en moitas ocasións carece de espectáculos dirixidos a un público moi novo, que nunca poderá ver en vivo os seus ídolos televisivos “a non ser que sexan de grandes cidades”. Quizais, a orixe verinesa do nobel director influíu na súa fixación por levar Circolandia aos concellos máis remotos do país. “Traballamos en concellos como Sober, Lobios ou Castro Caldelas, onde no colexio non hai nin 50 nenos” afirma convencido o que ata o de agora é o único director galego de circo.
O sábado amosaron a súa arte no pavillón de Calo, con escasa incidencia “por culpa do entroido” e nas vindeiras semanas percorrerán a comarca compostelá: Negreira, Ames, Teo… Levando consigo a maxia, o risco e o humor característico dun espectáculo tradicional que loita por sobrevivir. Lanzadores de coitelos, malabaristas ou pallasos que xunto cos personaxes de Toy Story e Disney conseguirán que o que noutrora foi chamado o maior espectáculo do mundo, continúe polos vieiros da nosa xeografía.



