O percorrido granítico da USC

O patrimonio histórico compostelán ao servizo da Universidade

As pantasmas da néboa aloumiñan os teitos afiados, a choiva peta na pedra vetusta, e as verbas antigas dun lugar aínda máis antigo dan pé a vellas melodías do fungar da gaita. O tempo fica pendurado e inerte no ar e os edificios aparecen como anacronismos dun tempo cada vez máis parecido o que augurara Asimov. É Compostela, a cidade da Historia pero tamén a cidade dos Estudantes e da Universidade.

O certo é que non se pode entender a Universidade de Santiago de Compostela (USC) sen a antiga e bela cidade e os seus edificios graníticos que perduran ao paso dos séculos. Edificios históricos que son reutilizados co fin social de servir á Universidade. “Penso que é a mellor forma de usalos, xa que o difícil dun edificio histórico é atoparlle un uso rendible socialmente.”, explica o decano da facultade de Xeografía e Historia, Juan Manuel Monterroso. “Normalmente as súas condicións arquitectónicas fanos moi adecuados para certos usos, o mesmo que a súa localización no caso dos que se atopan en centros urbanos”.

A Universidade conta con máis de cincocentos anos e o percorrido pola súa historia granítica inicia co corazón da institución. “No caso da USC non se pode dicir que xorda a iniciativa de utilizar o patrimonio histórico para a Universidade. En realidade é algo consustancial; os edificios son parte do seu patrimonio e tamén, das súa identidade” , explica Monterroso, no referente a orixe da USC.

Todo comeza cando a Universidade consegue constituírse , aló polo ano 1507. Alonso III de Fonseca, arcebispo e sabio do momento, foi o protagonista no desenvolvemento desta institución, que tiña como obxectivo crear un edificio que albergase o centro de estudos que dotase de homoxeneidade ao panorama universitario do Reino de Galicia. Ese edificio será o chamado Colexio de Santiago Alfeo. Hoxe é coñecido como o Pazo de Fonseca e nas súas paredes atópanse os 242.969 libros e 8.240 títulos de revistas da actual Biblioteca Xeral da Universidade máis a Biblioteca América, única pola súa especialidade temática. Non só o Pazo de Fonseca constitúe o núcleo da Universidade, tamén o Colexio de San Xerome, antiga sede do Hospital de Santiago na praza da Acibecharía e actual Reitoría.

Para explicar a función artística e a función social dun edificio histórico, Monterroso explica que “unha e outra teñen que estar nunha relación harmónica. A funcionalidade e o uso non debería vulnerar a identidade patrimonial do edificio. Esa é a grande dificultade e o gran reto do patrimonio cultural e a súa xestión”. E é que outro edificio de grande beleza artística utilizado para a Universidade é a Facultade de Xeografía e Historia. Dende 1617, coa expulsión dos xesuítas, convertese no emprazamento da universidade ilustrada. Destaca o seu antigo Paraninfo, sede da sabedoría humanística, filosófica e científica e tamén a súa biblioteca, inspirada nas construcións monásticas, que hoxe conta con máis de 80.000 exemplares. E tamén, moi preto, o Arco de Mazarelos é a porta de entrada á actual Facultade de Filosofía, emprazada no que se coñece como a Praza da Universidade, obra do arquitecto Simón Rodríguez no século XVIII.

Pero non só estes edificios históricos forman parte da Universidae. Nunha posición privilexiado, atópase a Faculade de Medicina, veciña da Catedral, na rúa de San Francisco. O seu edificio fora un dos primeiros que se construíran para a Universidade.

As antigas lendas compostelás falan dun edificio paradigma da cidade, a Casa da Balconada. edificio do século XVIII. Antiga ruína que supostamente viu o asasinato do arcebispo Suero Gómez de Toledo, foi rehabilitada para o uso da Universidade e hoxe acolle o Vicerreitorado e servizos da Universidade de Santiago.

Reutilización granítica

Con esas transformacións contribúe a Universidade a revitalizar a cidade, a súa conservación. Devólvelle á cidade movemento, actividade cualificada que é vida”, estas son as palabras do arquitecto e profesor de debuxo técnico, Carlos Almuíña Díaz. O patrimonio histórico e cultural dunha cidade como Compostela amósase atractivo incluso para o coñecemento universitario.

E malia que as pedras fican erosionadas polo paso do tempo, Monterroso alega que “ se existe un equilibiro entre uso e identidade patrimonial non debería haber ningún problema. Polo contrario, o uso garante un mellor e constante mantemento do edificio

O percorrido turístico pola cidade histórica non deixa os ollos alleos aqueles que a pisan por primeira vez, e os edificios da universidade propóñense como unha pequena ruta turística pola Universidade. E como di o propio Monterroso, “o patrimonio histórico universitario é un complemento histórico máis dentro da oferta turística dunha cidade como Santiago de Compostela”.

Velaquí a cidade do orballo, da néboa, das grandes pedras, das grandes historias que son Historia, de granito e do coñecemento que da a vida ás mentes humanas.

Tagged as: , , , , , , ,

Deixa o teu comentario