A escisión dos Comités abre o debate no sindicalismo estudiantil

A nova organización, que aínda non ten nome, constituirase o 26 de marzo

A Asemblea Nacional do 26 de febreiro do sindicato de estudantes Comités Abertos rematou coa marcha de arredor de 150 dos seus membros. Logo de producírense debates internos na organización, os escindidos manifestaron a súa decisión de abandonar os Comités no seo dunha Asemblea na que “non se garantiron uns mínimos democráticos”. No comunicado remitido á prensa os estudantes denuncian a “purga de membros da organización, mediante o eufemismo de non recoñecemento como membros de pleno dereito para o proceso asemblear”, o que lle atribúen aos organismos nacionais co obxectivo de evitar un cambio de maiorías na Asemblea Nacional.

“Non podemos estar nunha organización na que o groso dos esforzos se dedica á loita interna e non ó traballo político”, sentencia Miguel Rodríguez Fernández, antigo responsable de Comunicación do Campus de Compostela e membro do grupo que abandona os Comités. Por outra banda, “a situación era insostible dende o momento en que había unha sección que se dedicaba a boicotear á outra por medo a que a masa crítica que estaba nacendo nos Comités puidera quitarlles a dirección que tanto ansían”, Miguel Rodríguez está a falar das xuventudes da Unión do Pobo Galego (UPG) , o grupo nacionalista maioritario do Bloque Nacionalista Galego. Segundo el, a Unión da Mocidade Galega (UMG) temía perder o poder do Consello Nacional ante a masa crítica emerxente que agora se separa da organización.

O membro dos escindidos critica á UMG polas súas ansias de facerse co control da organización e por carecer de vontade para “facer un traballo político transformador do país” e concibir os Comités como unha “plataforma lanzadeira” cara os cumios do nacionalismo galego. “Nós non estamos aquí para iso, senón que estamos para transformar o país” recalca o antigo membro dos Comités.

Desde o bando que permanece na organización, o Responsable Nacional dos Comités, Daniel Candal Castro, recoñece que se trata dunha perda importante de membros pero atribúeo a un proceso cíclico comparable á desaparición de organizacións anteriores coma os CAF ou ERG. O Responsable Nacional dos Comités insiste en que, contrariamente do que informaron os medios, as persoas que seguen na organización son a maioría de xeito que os Comités seguen a ser “a verdadeira organización hexemónica do sistema universitario galego”.

Daniel Candal tamén corrixe aos medios e subraia que a separación é un fenómeno local exclusivo do campus de Compostela e non afecta a nivel nacional. En canto ás acusacións de falta de democracia, o responsable dos Comités deféndese dicindo que o Consello Nacional modificou os censos de membros en termos de “estrita normalidade e democracia” ao tempo que acusan ao bando contrario de usar o tema a xeito de cortina de fume para crear máis tensión dentro da Asemblea.

O próximo 26 de marzo celebrarase a asemblea nacional constituínte da que sairá unha nova organización que “loitará pola consecución dun ensino mellor nunha Galiza máis xusta e máis libre”. Até daquela, os escindidos terán que presentarse ás eleccións a Xunta de Facultade do 9 e 10 de marzo baixo as siglas dos Comités. Con todo, confían en que o sucedido non os prexudique porque “a xente valora ás persoas polo traballo que fixeron” en palabras de Miguel Rodríguez, antigo responsable da Facultade de Ciencias da Comunicación. No lado oposto, Daniel Candal, responsable nacional dos Comités, asegura que non van saudar o nacemento doutra organización nacionalista porque “defendemos a unidade nacional para traballar na universidade”.

Tagged as: ,

1 Comment

Trackbacks

  1. «A mocidade galega non ten ilusión por cambiar o presente» | Entérate

Deixa o teu comentario