Os novos usos do patrimonio cultural
O interese por adaptar edificacións antigas a usos contemporáneos evita a perda destas. Moitas son as actualizacións que, aproveitando o valor histórico dun inmoble, atopan marcos emblemáticos para intereses turísticos, culturais e museísticos. Ao longo da Historia rexístranse constantes reutilizacións de edificios importantes; podemos citar, como unha das máis coñecidas, a proxectada por Miguel Angel sobre as Termas de Diocleciano en Roma para erixir a igrexa de Santa María dos Anxos.
A cuestión clave cara á que desembocan estes esforzos é o Uso Social que os inmobles adquiren no proceso da súa actualización funcional. Son varios os propósitos que impulsan a súa conservación. O primeiro é a postura tradicionalista, a que considera os bens históricos polo seu valor e amosa a preocupación por manter inalterados os seus recursos estéticos e simbólicos. O segundo é a visión mercantilista, que contempla a rehabilitación como a posibilidade de valorizar económicamente o patrimonio, de xeito que a actuación supedítase ao destino comercial, turístico e recreativo. E a participacionista é aquela na que a sociedade involúcrase na recuperación do patrimonio, téndose en conta os seus hábitos e opinións. Esta última visión procura evitar a creación de “cidades-museos” e áreas só para artistas e intelectuais onde a sociedade queda excluída. Pódese engadir unha cuarta, a monumentalista, aquela que emprega os edificios históricos como símbolos para promover a identidade dun lugar. As tres primeiras son as que veñen determinando a recuperación do patrimonio cultural en Compostela con uso social. Imos comprobalo.
As orixes da recuperación monumental de Compostela se remontan ao ano 1940, cando o Estado declara a Cidade Conxunto Histórico-Artístico. A partir de entón, iníciase un programa de recuperación global da parte vella. O intenso labor de restauración e ordenación urbana que se leva a cabo, ten como apoio destacado ao Cardeal Quiroga Palacios, con quen rexorde o mecenazgo iniciado séculos atrás polos dous principais impulsores da cidade: o arzobispo Alonso III de Fonseca e o bispo Diego Xelmírez. Aínda que a declaración de Compostela supón un paso decisivo para a súa revitalización, o factor máis determinante constitúeo a celebración dos Anos Santos 1954, 1965, 1971 e 1993. Con obxecto de mellorar a “cidade do Apóstolo”, aténdese aqueles elementos de interese monumental e aqueles lugares pintorescos, que ou ben ofrecen perigo grave de desaparición ou modificación, ou ben desentonan no conxunto pola súa morfoloxía moderna. O triplo criterio das campañas realizadas a partir de entón se sintetiza na valoración, a ordenación e a restauración do conxunto histórico compostelán.
Todas estas actuacións levan consigo a musealización de arquitecturas históricas e a paulatina inauguración de hoteis con encanto. Pero aínda falta o terceiro uso social que mediante a restauración se lle da ao seu patrimonio: o cultural. Este valor prodúcese a partir do V Centenario da USC celebrado no ano 1995. Desde entón, o patrimonio da universidade póñese en valor abrindo as súas portas aos visitantes mediante un recorrido turístico e recuperando instalacións singulares para uso administrativo. Son varios os inmobles que acollen servizos a comunidade universitaria, que coa súa presenza dinamizan sectores urbáns do casco vello.
É importante planificar con moita cautela a reutilización do patrimonio histórico. Moitas rehabilitacións chegan a converter inmobles históricos en novos referentes sociais, tanto con programas museísticos, como culturais ou de uso turístico. De igual xeito é necesario que trala selección das edificacións -atendendo ao seu emprazamento emblemático, a súa traza de valor histórico-artístico, á envergadura estructural suficiente para uso contemporáneo-, se potencie a identidade de cada unha delas. Isto é, renunciar á equiparación simple de edificio histórico con “máquina expositiva”, para reivindicar o papel memorial e cultural dese escenario. Con todo, non hai mellor conservación e mantemento do patrimonio que o ser útil para a sociedade actual. Compostela revitalízase con museos, hoteis con encanto e rehabilitacións administrativas abrindo así as portas dos seus recunchos con máis sabor local.



