Xosé Candal: “O amaneramento dos bailarines de ballet causa problemas”
O coreógrafo reclama a importancia do baile e do sector da cultura para potenciar economicamente Galicia

Xosé Candal, coreógrafo
Xosé Candal comezou no mundo danza aos 15 anos. Agora, xa cos 40 cumpridos recoñece que de non ser polos seus pais “tería comezado aos 6”. De feito os seus inicios foron no baile tradicional “que está como máis aceptado dentro da sociedade”, aínda que despois introduciu no seu repertorio outras disciplinas como ballet, danza contemporánea ou baile moderno. A súa paixón por esta “forma de comunicación”, como el describe a danza, o levaría a percorrer a xeografía galega e actuar en programas da Televisión de Galicia representando espectáculos como “Isolma” co grupo Século XXI ou “Ricardo III” co Centro Dramático Galego, dos cales ademais foi coreógrafo.
Agora, este profesor de Historia confesa que a súa paixón está dividida entre a súa familia e o “Colectivo Danzón” (Conxo, Santiago de Compostela) no que imparte clases de baile principalmente a parellas. Moitas delas achéganse ao mundo da danza “porque están pensando en casar e queren aprender a bailar e tamén hai moitos casos de parellas nas que a ela lle gusta moito bailar e el ven un pouco por facerlle un favor”. De feito confesa que os homes cústalles máis que ás mulleres porque teñen “menos coordinación, máis rixidez e, sobre todo, máis vergoña”.
- Ata que punto está estigmatizado o mundo da danza para os homes?
- A verdade é que se gañou moito nos últimos anos. Hoxe en día eses estereotipos de que os homes non bailamos… comezan a estar un pouco máis superados, sobre todo porque hai programas de televisión onde se ve xente que baila. Ao respecto fixo moi ben o programa “Fama” por coller á xente que bailaba na rúa, ao seu aire, sen formación de ningún tipo e fixeron ver que iso tamén servía para traballar dende un punto de vista moi serio. De feito iso rompeu moitos clixés. Eu teño un neno e unha nena e a el gústalle bailar e non ten reparo ningún en dicir que lle gusta. Cando eu tiña 12 anos dicir que me gustaba bailar era pouco menos que un crime…nese sentido si se mellorou moito.
- Cales son os obstáculos que pode ter un home para ser bailarín?
- Primeiro explicarllo á familia e aos amigos. Se te saes da danza da rúa como pode ser o brake, que son disciplinas como máis aceptables, dicir que te dedicas a iso e que nunha clase hai vinte mulleres e estás ti só, pois ao principio é unha situación que se fai violenta. Logo, a estética da danza, tamén é importante. Sobre todo cando fas clásico, hai unha forma de moverte, colocar o corpo… que fora do mundo da danza se pode entender como un certo amaneramento e iso vaiche causar problemas. Despois diso as dificultades son as mesmas que as de unha muller: dedicarlle moito tempo, romper os pés, sufrir… Con todo estanse a romper moito os estereotipos. Logo, en determinados círculos si hai unha presenza maioritaria de homosexuais, pero non deixan de ser clixés… pero non ten porque influírte. Dende logo vas falar dunha maneira diferente ao que o farías se te dedicases a xogar ao fútbol, iso está claro. Non ten maior importancia.
- Cóntanos as dificultades da túa experiencia persoal
- A veces como que te ves obrigado a ter moza… falo dos meus 14-15 anos, agora que teño 40 xa é distinto. Ao principio foi difícil, de feito eu quería entrar no conservatorio e os meus pais nunca me deixaron. Tiven sorte cos amigos, que en xeral o aceptaron bastante ben. Pero de tódolos xeitos os meus inicios foron moi complicados porque por min tería empezado con 5-6 anos e tiven que esperar aos 15-16. Non é o caso de Billy Elliot, pero pode aproximarse. E logo coa idade había que irse, pero eu non me atrevín a intentar vivir do ballet. ¡Por outra parte se lle digo aos meus pais que me vou a Lisboa ou a Francia a estudar danza contemporánea me meterían nun psiquiátrico!
- CRÓNICA: Danza en presente
- ENTREVISTA: Diana Díaz: «Esto lo hicimos tan sólo con creerlo, quererlo e imaginarlo»
- REPORTAXE: Unha conmemoración que reclama máis recoñecemento
- VÍDEO: Reencontro coa danza contemporánea universitaria
- VÍDEO: Danza ao aire libre
- GALERÍA: Invasión da danza
- Pasa iso aínda hoxe en día?
- Se o meu fillo dixese hoxe que quere entrar dentro da danza, eu o entendería mellor, pero non teño tan claro que calquera neno que teña hoxe 15-20 anos recibirá na casa esa aceptación. O da danza tampouco é algo que se comente porque no fondo segue a verse como algo ridículo. Non é como pintar, tocar un instrumento ou facer deporte. Pensamos que se superaron moitas cousas pero tampouco o teño eu tan claro.
- Ao mellor a danza tamén está algo estigmatizada porque desde dentro non se fai por acercalo á xente
- Non e sabes que pasa tamén?, que a veces, xente que fai danza se coloca nun pedestal. Pensa que para entender o que fai hai que ter unha certa formación. E parece que se non entendes é porque tes unha carencia. Eu creo que non. Ti tes que facer un espectáculo asequible a quen te vai ver. E en Galicia temos o público que temos. Tes que facer algo que a xente poda apreciar e entender sen maior complicación. Ao final bailar é unha cousa moi natural. Si que dende dentro se ten que facer este esforzo, facer máis espectáculo de rúa… simplemente que a xente te vexa. Para este caso iniciativas que se facían en Santiago, como “En pé de pedra”, eran unha marabilla. Se fas algo bo a xente o nota e o aprecia.
- Falamos dos bailaríns e do público, pero no caso galego, ¿podemos falar de espazos e afección pola danza?
- A rede de sitios onde podes ofrecer espectáculos non está mal, o que ocorre tamén é que moitos concellos abriron auditorios e abriron salas… e moitos deles non están preparados para a danza. Entón, onde actuar hai, outra cousa é que eses espazos, especialmente nos pequenos e medianos concellos, poden mellorar moito. Eu estou convencido de que os programadores, vense como obrigados a poñer espectáculos de danza, nos que en moitos casos nin saben o que é nin teñen unha idea moi clara do que se pode ofrecer… e en moitos casos nin van velo. O que hai é moita iniciativa privada, moita xente que está montando pola súa conta, saíndo onde lle ofrecen, bailando na rúa, inauguracións… Tes que moverte así se pretendes vivir diso.
- Vamos, que ata certo punto a danza é unha arte marxinada
- Dende o punto de vista oficial si. En xeral non ten o prestixio que pode ter o teatro, un concerto dunha orquestra…Somos como os que vamos ao final. Non están prestixiado polas institucións como as outras actividades artísticas, pero para o público é unha das actividades máis asequibles. Ademais en Galicia estase a traballar moi ben e a moitos campos. Xente que está a facer clásico moi en serio, folclore e baile tradicional, contemporáneo, salón e deportivo… Creo que é un problema dos programadores. Nese sentido é unha marabilla a Feira das Artes Escénicas que foi unha iniciativa do bipartito, funcionou moi ben e é algo que habería que manter con axuda pública.
- Algo de culpa tamén teremos os medios
- En xeral non hai un seguimento adecuado da cultura. E se xa falamos da danza, aínda menos. Temos que empezar a ver a importancia da cultura como calquera outro sector económico. Permite cubrir postos de traballo e dálle a un país un prestixio, un valor engadido. Tan importante debería ser o país onde naceu Zara como selo onde moita xente se dedicara á arte e vivir dela e aí os medios terían un papel fundamental que actualmente non cumpren. Creo que sería bo darlle o enfoque económico, porque ao final a xente ten que vivir de algo. É moi difícil vivir da danza.
- Cara onde nos temos que mover para solucionar estes problemas?
- No tema da danza debería haber bolsas de estudos para creación, subvencións para crear compañías…non se trata de vivir do conto senón que a xente que queira intentalo poda facelo. En Galicia hai moitísimo talento no mundo da danza e xente que está a traballar moi ben e na maioría dos casos é posible que o acaben deixando. O diñeiro público ten que ofrecer medios… como locais de ensaio gratuítos para a xente que dance. Existe o Conservatorio Superior de Lugo, que está moi ben, pero só é para clásico. Habería que fomentar que houbese tamén centros de formación no que se desen outro tipo de disciplinas. E as institucións públicas deberían contratar espectáculos… queremos vivir do noso traballo, pero queremos que nos den traballo, e que se teña en conta este. Porque moitas veces non se chora por pagar 6.000 euros a unha orquestra e en cambio regatéase se lle tes que pagar a unha compañía 300 euros por actuar. Con esa oferta e demanda pública, funcionaría a privada.



