«Os deportes minoritarios necesitan apoio moral»

Deportes coma a patinaxe están a lograr grandes éxitos para o deporte galego

A loita do Deportivo da Coruña por evitar o descenso, os esforzos do Celta de Vigo por voltar á máxima categoría do fútbol español ou a tempada do Obradoiro ou o Breogán na liga Leb Ouro de baloncesto son as caras visibles da actuación do deporte galego nos medios de comunicación. Non obstante, lonxe do foco mediático, Galicia está a lograr grandes éxitos noutras disciplinas menos coñecidas coma é o caso do hóckey, ou tenis de mesa.

A imaxe de patinadores galegos subindo ó podio de campionatos nacionais e mesmo participando en competicións internacionais converteuse nos últimos anos nunha imaxe frecuente malia non gozar de minutos ou espazo nos medios xeralistas. Este é o caso do club de patinaxe Alquimia, en Carral, que a pesares de levar só seis anos competindo xa son asiduos nas competicións estatais e veñen de clasificarse novamente para representar a Galicia no campionato de Europa de patinaxe na modalidade de show.

“Esta modalidade defínese coma teatro sobre patíns. Tes que desenvolver unha idea nunha coreografía onde tamén se valora o vestiario, maquillaxe e a sincronización”, explica unha das adestradoras do clube Alquimia, Marta López. E é que a creatividade no estilismo das coreografías de show é á vez un dos principais atractivos desta variante e un lastre económico, posto que as chamativas vestimentas dos patinadores necesitan ser elaborados por un modista especializado.

Os custos no material e en viaxes unido á escaseza de axudas públicas fai que unha das entidades galegas máis prolíficas en canto a títulos nos últimos anos non poida chegar nin a vivir da súa actividade, tal e como sucede noutros deportes minoritarios. “Como deportista é imposible vivir disto. E como adestrador tes que traballar en moitos sitios para gañar un soldo decente”, sinala Marta. Por este motivo, López demanda non só apoio económico para os deportes minoritarios senón tamén un “apoio moral” para tomar conciencia de que “non son un hobby, é un deporte cun calendario e unhas competicións coma o fútbol ou o baloncesto”.

Escaseza de instalacións

Outra das pedras no camiño para a difusión da patinaxe en toda Galicia é a escaseza de pavillóns con pistas habilitadas para a práctica da patinaxe. Os máis de 130 patinadores de tódalas idades do club Brincadeira, en Mos, só poden empregar os polideportivos dos institutos Monte das Moas e Monelos, posto que son os únicos cun chan apto para o desenvolvemento desta actividade.

Este ano é o primeiro que o club Brincadeira recibe axudas públicas por parte da Federación Galega de Patinaxe e o concello. Malia todo, denuncian que son eles quenes teñen que correr cos custos de desprazamento e alquiler das pistas. “Non hai beneficio, non é algo rendible”, aseguran responsables do clube.

Deporte minoritario

Non obstante, o patinaxe en Galicia é unha actividade que crece cada ano e a nivel estatal está só por detrás de Cataluña nas principais competicións. “Percíbese unha certa tendencia emerxente na patinaxe e é competencia de federacións e clubes transformar a tendencia en hábito e colocar a patinaxe onde merece”, explica Jesús Casariego, presidente do club Patiber, en Bergondo.

O presidente desta entidade con máis de 14 anos de vida, asegura que “para estar en condicións de esixir a patinaxe tamén ten que ofrecer un producto atractivo, capaz de facer que as axudas non se vexan como tal, senón como inversións productivas”. Segundo Casariego, só entón os patinadores galegos estarán en disposición de aspirar ás máximas cotas en calquera competición.

Tagged as: , , ,

3 Comments

  1. Enhorabuena, Zoraida… ¡buen texto, buena reflexión!

Trackbacks

  1. Adestramentos do Arteal TM | Entérate
  2. Os outros Messi do deporte | Entérate

Deixa o teu comentario