Os outros Messi do deporte
Moitos deportes están marxinados polos medios de comunicación malia lograr grandes éxitos

Xogador da Superdivisión Masculina
Sempre, en todas as disciplinas existe algo que sobresae. Unhas veces de xeito merecido e outras porque os medios de comunicación así o queren. No caso do deporte, en España é o fútbol e nos Estados Unidos o baloncesto.
Son os futbolistas, por exemplo, os que fan levantarse a un país enteiro cando gañan un mundial, ou Pau Gasol o que fai que quedemos ata as 3 da mañá para ver a NBA. Pero sempre quedan os grandes esquecidos. Persoas, ou equipos con grandes méritos pero que ninguén coñece. Logros que quedan no esquecemento, trofeos que só serven para adornar a vitrina dun despacho e para satisfacción persoal dos seus donos.
No caso particular de Santiago de Compostela toda a cidade está pendente do equipo de fútbol sala, o Lobelle, que xoga en División de Honra e do de baloncesto o Blu-Sens Obradoiro, que xoga os playoffs para ascender a ACB. Pero e o hockey? E a patinaxe? E o tenis de mesa?
-
VÍDEO: Adestramento do Arteal TM
-
VÍDEO: A patinaxe de show
No polideportivo de San Lázaro, onde o Compos saboreou noutrora as glorias da Primeira División, hai un baixo no que se escoita o repiquetear característico das pelotas de pin-pon. Sobre a porta un pequeno cartel pon «Arteal». Ó abrir a porta azul catro persoas, tres homes e unha muller adestran. Eles conforman o equipo masculino. Liu Junhui, Shuai Lin e Diogo Pinho, ademais de Francisco Martín que non se atopa adestrando. A moza é a serbia Marija Galonja que con Olaya Cea e Teresa Nine forman o equipo feminino. Eles xogan na máxima categoría, a Superdivisión Masculina, e elas na División de Honra Feminina. Evidentemente, o mérito non é cativo, e menos se temos en conta que adestran cinco horas ó día de luns a venres. Porén ó igual que pasa noutros deportes, son uns descoñecidos.
Un zurdo que quería ser futbolista
Diogo Pinho naceu en Portugal hai uns dezanove anos. Decidiu virse para o Arteal en agosto do pasado ano porque «aquí a liga é máis forte». Nun descanso do adestramento afirma que en Galicia non sente discriminación por parte dos medios, ou polo menos non tanta como en Portugal onde «ninguén coñece o tenis de mesa». Ó preguntarlle pola decisión de adicarse ó pin-pon ri, e afirma que de cativo quería ser futbolista pero «como era zurdo meu irmán levoume a un clube de tenis de mesa». Pinho di que o pin-pon lle deixa pouco tempo libre, pero neses intres pasea «para coñecer Santiago». Tras a entrevista volve á mesa, e de novo concéntranse os catro no adestramento.
Forofos do tenis de mesa
A empresa Arteal leva xa dez anos patrocinando ó equipo. Proporciónalles vivenda e un soldo. Segundo Pablo Lois González, o presidente do Arteal T.M, o pin-pon está inxustamente marxinado polos medios de comunicación aínda que «non só o tenis de mesa, senón a maioría dos deporte agás un ou dous» engade. Porén, ao falar da posibilidade dun patrocinio a un deporte máis visible, González é claro «posiblemente fose mais económico pero non habería unha implicación tan grande por parte do patrocinador», a razón disto está en que «o xerente da empresa Arteal, é un gran deportista, é un forofo do tenis de mesa». O clube recibe axudas da Xunta, do Concello de Santiago e da Fundación Deporte Galego, aínda que González mostra a súa preocupación pois «para a vindeira tempada as axudas mermarán considerablemente xerando certa incerteza sobre o noso futuro como clube de élite dentro do tenis de mesa».
O Arteal TM vén de clasificarse para xogar a tempada 2011-2012 da ETTU CUP (competición europea). Asemade, en marzo acadaron a medalla de bronce na pasada Copa do Rei. Porén eles tamén forman parte dos esquecidos, deses deportes dos que cómpre falar, desas persoas ás que hai que engrandecer e dignificar, porque tamén con eles debería vibrar todo Santiago.




Muy buen reportaje, ¡Sara y Zoraida! Deportes minoritarios como tenis de mesa y hockey, así como otros en los que Galicia tiene enormes talentos, como atletismo, triatlón, piragüismo y balonmano, merecen no solamente el reconocimiento de la sociedad, sino que más espacio en los medios de comunicación para que pueda haber más motivación de las empresas privadas a invertir en patrocinios para estos auténticos campeones. ¡Enhorabuena por la iniciativa, chicas!