Amalgama de artes en Milpedras

Lucía Aldao, Olalla Cociña, Rosa Enríquez, Alberto Taso e Xiana de la Peña, tralo encontro
Lucía Aldao, Olalla Cociña, Rosa Enríquez, Alberto Taso e Xiana de la Peña, tralo encontro

A VI Edición dos Encontros no Taller de Litografía Milpedras, acolleu este serán a artistas de distintas disciplinas artísticas. Á cita acudiron a poeta e música Lucía Aldao, a xornalista e tamén poeta Olalla Cociña e a escritora Rosa Enríquez.

Os sons de Alberto Laso e as fotografías de Xiana de la Peña acompañaron todo o espectáculo de arte que consiste na fusión de poesía, artes plástica, fotografía e música en directo nun só acto dunha hora de duración. Tódalas sesións transcorren sen previa preparación en conxunto, tal e como afirma a poeta coruñesa Lucía Aldao.

Os participantes que foron pasando por Milpedras coinciden en que as mesturas adoitan ser moi enriquecedoras. Lucía Aldao subliña que «en moitas ocasións, esta unión, completa o poema, a canción ou o cadro, pero noutras non» e matiza que moitas veces «o que che pide o corpo e o poema é recitar só coa voz».

Os encontros en Milpedras constitúen, en palabras da Vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Antía Otero, e tamén participante do anterior encontro, “unha oportunidade para dialogar a través da palabra con outras artes nun espazo de liberdade”.

A maxia que sempre ten un taller de litografía, ver as «tripas» da produción gráfica, é o que levou a organizar os encontros en tan singular emprazamento. Xa van pola súa sexta edición e segundo Antía Otero “chegarán a ser un referente cultural na cidade da Coruña” porque permiten chegar ao espectador, oínte ou lector dunha maneira máis directa, propia da oralidade.

Internet: instrumento da arte

A combinación de manifestacións artísticas non é nada novo, pois tal e como comenta Lucía Aldao, «as artes lévanse fundindo toda a vida». A poeta e cantante coruñesa expón que a poesía tira desa amalgama na actualidade como xa se tirou noutros momentos da historia da literatura.

Con todo, subliña que agora é máis sinxelo que antano, «porque andamos todos -músicos, pintores e escritores- metidos na rede e iso facilita a creación de grupos de traballo con xente de diferentes artes». Malia isto, resalta que «internet non ten todo o mérito» e recalca o esforzo e traballo que hai detrás deste tipo de iniciativas.

Tagged as: , , , , , , ,

Deixa o teu comentario