Unión e compromiso para poñer fin a un drama
O descontento coa falta de coordinación entre as administracións para acabar co poboado, traduciuse na creación da Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa
A Plataforma Ventorrillo Desmantelamento Penamoa leva traballando máis de dous anos co fin de que se cumpran os prazos marcados polo Concello para poñer fin ao poboado. Unha loita na que estiveron sós, segundo afirma a súa voceira Ana Oreiro, logo de que a Asociación de Veciños do Ventorrillo se “quedara a un lado para solventar o problema debido ao seu posicionamento político”.
Os veciños do barrio coruñés, colindante co poboado, levan case trinta anos sufrindo actos delictuosos baixo a sombra da droga que emana Penamoa. Fartos da inoperabilidade do Concello para poñer fin ao poboado, un grupo de veciños crearon a Plataforma e, arredor dela, levaron a cabo actos e concentracións que serviron de presión ás autoridades para o derrubamento das infravivendas.
Ana Oreiro, lamenta a falla de compromiso e a irresponsabilidade do Concello, que prometera derrubar o poboado cara finais de 2009, así coma o de garantir aos veciños de Penamoa e o Ventorrilo, un espacio libre de drogas. Ningún destes puntos foi cumprido ata o momento, polo que a voceira da Plataforma mantense escéptica en torno á desaparición total do poboado e asegura que “non hai nada garantido”.

A Plataforma non condena simplemente as accións tomadas dende María Pita, senón que se amosan críticos coa “nula coordinación” entre as administracións locais, autonómicas e estatais. Por unha banda, a deixadez da Xunta no apartado sanitario, de xeito que o poboado é un importante foco de infeccións pola alta taxa de insalubridade. Pola outra, a Delegación do Goberno, que en opinión da Plataforma, non soubo xestionar a entrada e saída de droga en Penamoa.
Por isto, Ana Oreiro salienta que aínda hai moito por facer no poboado. A voceira di que “segue habendo tráfico de drogas e non se limpou nada”. Sen embargo, dende a Plataforma afirman “querer crer que o desaloxo e derrubamento do poboado se produza antes de maio, xa que agora o tema se leva por vía xudicial”. Aseguran que sen a construcción da Terceira Ronda, cuxo tramo esperan que se abra nun prazo de tres meses, non se tería nada feito para a desaparición do poboado.
En canto a integración dos habitantes de Penamoa, os veciños da Plataforma Ventorrillo temen que esta non se produza. Oreiro argumenta que “Penamoa non é coma outros poboados, xa que máis do 80% dos seus habitantes eran traficantes ou tiñan relación coas drogas”. Advirte de que se deben tomar as medidas adecuadas para que Penamoa desapareza como tal e que non xurda outro poboado paralelo noutro punto da cidade.
De feito, Oreiro indicou que hai varios traficantes de Penamoa que agora viven no poboado de Freixeiro, no municipio de Narón. Este campamento chabolista, é xa o novo hipermercado da droga do noroeste peninsular segundo indican fontes xudiciais e policiais da localidade. A nova versión de Penamoa, non é un drama a evitar por parte das autoridades, senón unha realidade.



