«Un xuíz xusto coma Garzón está sendo perseguido inxustamente»
Foron as palabras do autor do libro
Con motivo da presentación do libro de Carlos Jiménez Villarejo «La solidaridad con el juez Garzón» o pasado mércores 4 de maio en Santiago de Compostela, tivo lugar unha conferencia onde puideron expoñer a súa opinión sobre o caso Carmen Durán, coordinadora da plataforma Obradoiro de apoio a Garzón, Enrique León, avogado e amigo do xuíz Baltasar Garzón, Manuel Osorio e Ricardo González Mestre, editor de El Páramo, encargada da edición do libro.
A conferencia comezou coa presentación de Carmen Durán que fixo unha breve explicación da razón da creación da Plataforma Obradoiro no setembro do 2009 que non era outra que dar apoio ó xuíz Garzón polo seu cese do Tribunal Supremo por prevaricación. Durán recoñeceu que «aínda que non entendo moito de leis, son unha cidadana sensible co tema, e penso que o xuíz Garzón non se equivocou en nada, senón que foi un home implicado e comprometido coas leis e os dereitos humanos».
Trala presentación do libro por parte do seu editor, Ricardo González, quen falou sobre o proxecto da editora de albergar no seu seo libro deste tipo, comprometidos coa sociedade; tomou a palabra Manuel Osorio. Osorio fixo un breve repaso do caso nos medios para mostrar tamén o seu apoio ó xuíz, deixando claro que «estamos a vivir tempos de cinismo, inxustiza e doble moral, non só polo caso de Garzón senón pola execución extraxudicial de Osama Bin Laden hai uns días».
-
REPORTAXE: O xuíz máis polémico da historia
-
REPORTAXE: A débeda de Galicia con Baltasar Garzón»
Antes de poñer a guinda ó pastel coa intervención do autor Carlos Jiménez, Enrique León fixo unha boa aclaración das leis que xulgan ó xuíz e de como se está a desenvolver a instrucción contra o xuíz. León fixo unha alabanza da forma en que Baltasar Garzón levou o caso Nécora, mediante o cal se encarcelaron a narcos tan perigosos como «Oubiña», devolvendo a calma á sociedade de Cambados e Vilagarcía, poboacións que lles estarán eternamente agradecido, segundo dixo o avogado. Proseguindo cos piropos á obra do xuíz, León calificou de impecable o auto de cen páxinas de Garzón que foi clave para a ilegalización de Batasuna.
O avogado natural de Vilagarcía, que hoxe exerce na capital galega, considera que a opinión pública xa xuzgou a Garzón, «e isto é o grave, como a xente se olvidou rapidamente de todo o traballo do xuíz instruído». Tamén dubidou da neutralidade xudicial en España, pois cre que o Tribunal Supremo coas súas accións sobre xuíz «está a perseguir personas, tanto os xuíces que senten envexa del como ós políticos que non lles ía ben que Garzón estivera onde estaba».
Sen dúbida a intervención máis esperada era a do autor do libro, Carlos Jiménez Villarejo, xurista malagueño, quen, entre outros cargos, foi fiscal anticorrupción do Tribunal Supremo. Jiménez comezou dicindo que o cese de Garzón «enche de rubor e vergoña a todo aquel que se considere demócrata». O libro non se trata só da defensa dun xuíz, senón sobre «a defensa do estado de dereito, dos valores democráticos e dunha traxectoria xudicial intachable». Tamén quixo destacar a marea de apoio cívico que recibiu o xuíz cando a coalición de forzas decidiu acabar coa súa carreira. Como defensor da Lei de Memoria Histórica, o ex-fiscal quixo deixar claro que Garzón «realizou unha grandísima labor na defensa das vítimas do franquismo, as cales estaban esquecidas e que se merecen ser enterradas polos seus familiares dunha forma xusta». Argumentou tamén na defensa de Baltasar Garzón que » escoitou ós familiares das vítimas cando o 99% dos xulgados de instrucción estaban denegando a exhumación de fosas, violando o artigo 24 da Constitución Española que fala da tutela xudicial preventiva».
Jiménez quixo dicir que non lle parece admisible «que se esté falando de prevaricación». «Que demostren a ver se é verdade que houbo prevaricación. Non é máis que unha interpretación torta e sesgada, cando miles de xuíces están a usar as escoitas» argumentou o autor do libro. Para rematar Jiménez, declarou que o Tribunal Supremo «non estivo á altura» e que queda «unha longa tarea por recorrer, pois se está producindo unha persecución inxusta dun xuíz xusto, polo que haberá que esixir moitas responsabilidades».
O acto acabou cunha rolda de preguntas dos asistentes ó acto sobre o caso de Baltasar Garzón.



