O Bravú: rock sen capar
Co Bravú, os grupos introduciron o galego na música e eliminaron os complexos dunha xeración
Sara Torreiro Rodríguez | 25/5/11 •
O rock Bravú naceu en Galicia aló pola década dos 90. Pode que unha xeración de mozos estivera farta de que se lle impuñera o foráneo: o rock que viña de Londres, chegaba a Madrid e impoñíase aquí. Levábase o rock ´n´roll das chupas de coiro, os Cadillacs e as Harleys. Pero eles romperon o molde. Grupos como Os Resentidos de Antón Reixa, Os Diplomáticos de Monte Alto de Xurxo Souto e moitos máis como os Yellow Pixoliñas, os Herdeiros da Crus, Rastreros ou Xenreira déronlle corpo a este movemento que tivo como características esenciais a ironía, as letras en galego e o uso de instrumentos como o acordeón ou a gaita.
O escritor Xavier Vilariño definiuno como “un rock sen capar que xurdiu cando as guitarras chegaron ás aldeas”. Para Antón Reixa, dos Resentidos, non debe denominarse un rock de aldea, pois para el, o Bravú plasma esa dicotomía de rural e cidade que é Galicia. Para o vocalista de Diplomáticos, Xurxo Souto, tampouco se pode denominar rock de aldea, pois “Os Diplomáticos de Monte Alto non eramos de aldea. Nacemos nun barrio coruñés, na Coruña profunda”. Porén, Reixa coincide fondamente na afirmación de que é un rock sen capar. Explica que nos 80 os grupos tiñan unha certa pretensión comercial, pero que nos 90, co Bravú todo isto desaparece. O Bravú é un rock que se move unha esfera alternativa, sen normas e que naceu tamén dunha eclosión que se deu de nova música que viña do post-punk e bebeu doutros grupos como La Polla Récords, La Mano Negra, Chemichal Brothers, Orbital ou Class.
O certo é que de súpeto comezaron a nacer bandas en toda Galicia, case en cada pobo, cantando en galego: os Skornabois en Lourenzá, os Impresentables en Vimianzo, o Caimán do río Tera en Ponteareas… e entre todos eles crearon esa etiqueta do Bravú, nunha xuntanza alá por terras de Vilalba mentres degustaban un cocido. Tal etiqueta tamén se podería resumir en terra, lingua e amor ó Rock´n´Roll. Souto afirma que deicidiron autodenominarse “Bravú” porque “xurdiron moitos nomes pero ao final decantámonos polo Bravú. O bravú é o cheiro do monte, da carne sen castrar”.
A labor de normalización lingüística que levou a cabo o Bravú foi palpable. Souto declara que “A xente nova valorou máis a lingua galega e superou os nosos tabús. Hoxe en día, pola contra, a lingua galega está sufrindo novamente a falta de apoio en contidos emerxentes”. Reixa móstrase menos positivo neste eido e afirma que “existiu, foi palpable, pero todos debemos ser autocríticos e compartir un certo fracaso. En todo caso, se o Bravú non existira, habería que inventalo. Pero todos os esforzos pola lingua son poucos, polo que estábamos eticamente emprazados a facelo. O Bravú ratifica un avance, instala o galego no rock”.
Por fuciños, por cacheiras
O Bravú tivo difusión televisiva e chegou un intre no que case calquera rapaz galego coñecía cancións Bravú, pois o movemento contou cunha gran plataforma de publicidade, que foi o Xabarín club. Así, cancións como Oda ó futbolín ou Que jallo é convertéronse en himnos da xeración Xabarín. Pode que o éxito fora o divertido das letras ou ese xeito retranqueiro de tratar a idiosincrasia da terra, pero a gran verdade é que calquera mozo que as tivera escoitado na súa nenez, non pode evitar un sorriso cando as poñen nun pub nin reprimir as ganas de cantala polo baixo.
Para Souto é un movemento morto, pois explica que “morreu por cuestión xeracional. A xeración dos noventa tivo como referente a algún destes grupos. Cos novos tempos xorden novas ideas”. Reixa amósase máis optimista e declara que “Morreu porque non morreu. Con respecto ós 80 o Bravú era moi orixinal e mal que ben supuxo a creación de dúas tendencias: por un lado, grupos que usan o galego para as súas letras, e polo outro, grupos de propostas musicais moi singulares”.
As resonancias do bravú
Do mesmo xeito que brillou a súa estela, a luz do bravú foise apagando. Esa xeración de mozos reivindicativos, que lle cantaban á terra e na lingua da terra fíxose maior. Na maioría dos casos disolveron as súas formacións. Reixa afirma que, no caso dos Resentidos, tal disolución debeuse a que “chega un momento no que todo o que tes que dicir xa está dito. Sorprendernos a nós ou ós demais é algo xa feito”. Malia todo é indubidable que quedarán na memoria colectiva de toda unha xeración, e que decote, esas letras pegadizas acoden á memoria: “a velas vir, a velas vir, a velas velas vir, unha partida brava de futbolín”.
Porén, en palabras de Souto “Deixamos pegada e aparecen grupos cargados de imaxinación, enxeño e ironía como Ataque Escampe. Aínda que tal vez non sexamos unha referencia directa, todos escoitaron o Bravú e forma parte da súa bagaxe cultural”. Ataque Escampe leva dende o 2002 facendo música. Consideran que teñen claras influenzas do Bravú aínda que tamén doutros estilos de música.O seu novo disco «Violentos anos dez» acaba de saír á venda. Eles defínense como “Rock de serie B”, un rock con poucos recursos. Ben é certo que “Violentos anos dez” supón unha mellora plausible na produción, mais eles seguen amparándose na etiqueta de “rock de serie B” porque “é unha cuestión táctica, pero dende o momento que apareceu a etiqueta funcionou. É tamén unha salvagarda que temos tamén para poder permitirnos mellorar algúns pequenos fallos ou erros”.
Sobre as resonancias do Bravú na súa música declaran que “o noso propio nome xoga coas palabras e estaba de moda no movemento Bravú”. Tamén engaden que “cando empezamos non tiñamos o concepto de Bravú de lado, de feito tíñamos un par de temas, unha versión de Lou Reed Sweet Jane que se chamaba “U-la cabuxa” que cantábamos en directo sen ningún tipo de escrúpulo e bebía das fontes do Bravú”. Sobre a importancia do movemento dos 90 declaran que “valoramos moitísimo o Bravú como pioneiro que foi de que masivamente se cantase en galego, de que aparecesen grupos por todas partes de Galicia”. Porén tamén afirman que, en parte foi unha limitación pois “asumíamos que o galego era para facer música a lo bestia, de temáticas sexuais, con animais por aí mesturados, cousas moi directas, viscerais”. O certo é que as letras de Ataque Escampe son moito máis suaves cás do Bravú e teñen tintes poéticos, manan de vagar, alonxándose desa inmediatez do Bravú.




moi boa a reportaxe, vouna poñer no facebook. Parabéns!