Antón Reixa: «O Bravú morreu porque non morreu»

O vocalista dos Resentidos analiza o Bravú e recorda ó seu grupo

Antón Reixa foi o vocalista dos Resentidos. Na actualidade, o grupo está disolto e el dirixe unha productora. No panorama musical el e os Resentidos lograron algo sen precedentes: media España coñecía as súas letras, non importaba que estiveran en galego.

Pregunta: ¿A raíz de que naceu o Rock Bravú na década dos 90?

Resposta: O Bravú é un movemento que para min supón unha agradable sorpresa porque é a ratificación do que os Resentidos estaban a facer en solitario, do rock en galego. A finais dos 80 coñecín a Xurxo Souto, que é unha figura fundamental na expresión do Rock Bravú. Como raíz ou antecedente tería un movemento de pop-rock que se deu nos 80 e que en Galicia tiña que acadar unha expresión propia, no idioma propio.

P: ¿O Bravú é un rock rural?

R: Non é rural, é un rock que xurde da contradición fascinante entre o mundo da cidade e o do campo. Ninguén se imaxina unha Galicia completamente urbana nin completamente rural. Nace dese contubernio, dese cadro feliz

P: Tal e como titulou Xavier Valiño o seu libro, é o Bravú unha paixón que queima o peito?

R: A expresión de arder o peito usábaa moito Xurxo Souto. Os grupos Bravús tiñan en común esa demencia, esa paixón, polo que me parece unha expresión acertada

P: Coincide nesa afirmación de que o Bravú é “un rock sen capar”?

R: Si, por esa demencia e esa paixón do rock desacomplexado. Nos oitenta os grupos tiñan unha esperanza confusa de converterse ó rock comercial e seguían certas normas. O Bravú xorde nun ámbito totalmente alternativo, sen castración ningunha.

P: Considera que o Xabarín Club foi unha plataforma para este tipo de rock e para estes grupos?

R: O Xabarín Club fixo un importante traballo de gravación de cancións pop-rock en galego. Isto foi central. Case ó final do meu paso profesional pola música fixen gravacións en solitario e cos Resentidos, e a difusión foi moi boa.

P: Cre que a labor en prol da normalización do galego que fixo este movemento foi palpable?

R: Existiu, foi palpable, pero todos debemos ser autocríticos e compartir un certo fracaso. En todo caso, se o Bravú non existira, habería que inventalo. Pero todos os esforzos pola lingua son poucos, polo que estábamos eticamente emprazados a facelo. O Bravú ratifica un avance, instala o galego no rock. Pero dentro desa autocrítica, o certo é que fomos incapaces de crear unha industria musical propia.

P: As letras con humor foron unha das claves do bravú?

R: Si, nos anos 80 tanto no rock en galego como en castelán se dá esa ironía. O Bravú reafirma este uso da sátira.

P: Por que morreu (se morreu) o rock bravú?

R: Morreu porque non morreu. Con respecto ós 80 o Bravú era moi orixinal e mal que ben supuxo a creación de dúas tendencias: por un lado, grupos que usan o galego para as súas letras, e polo outro, grupos de propostas musicais moi singulares

 

P: ¿Con que talante se fundaron Os Resentidos?

R: Os Resentidos naceron como unha proposta sen obxectivos moi claros, queríamos facer música sen ningunha vontade profesional ou comercial

P: ¿Por que vos definistes como unha esquimal bus band de funkie depresivo?

R: Nós usábamos a ferramenta da ironía e o sarcasmo, e isto era tan importante nas cancións como nas declaracións, nas portadas dos discos, nos videoclips… e aqueles eran tempos snobs, e por iso nos definimos así, para facer unha ironía diso.

P: ¿Que importancia tivo a Movida Viguesa para Os Resentidos?

R: O certo é que sen querelo formábamos parte dela, e iso é curioso porque éramos recalcitrantes con ese apelativo, porque Vigo e Ferrol foron as cidades vítimas da reconversión naval e a tendencia mediática pregonaba Vigo como unha Atenas. Pero o certo é que a Movida Viguesa foi unha marca que nos puxo moi de moda en España. De feito, participamos en moitos concertos nos que o cartel era Siniestro Total e Os Resentidos.

P: ¿Por que cre que Galicia Caníbal se converteu no seu gran éxito?

R: Nunca se sabe cando unha canción ou un disco se vai converter en éxito. Simplemente foi unha coincidencia feliz. Os Resentidos facían unhas cancións asequibles, con certa provocación nas letras, e tiñamos algo que era a gaita, máis conceptual que musical.

P: ¿Cales foron as súas influenzas claves?

R: Fomos un grupo extraño. Tivemos certo parentesco con Siniestro Total, que empeza a ter repercusión por España, pero Siniestro Total é unha proposta máis comercial e de masas, nós quixemos experimentar. As nosas influenzas son americanas: Residents, Talking head…

P: ¿Por que se disolveu a formación?

R: Foi nun acto de honestidade, no ano 94 xa pasaran moitos anos dende a fundación e moitas circusntancias. Foi a constatación interna de que chega un momento no que todo o que tes que dicir xa está dito. Sorprendernos a nós ou ós demais é algo xa feito. Non queríamos o grupo como sustento económico, iso non era o importante.

P: ¿Sente nostalxia polos Resentidos?

R: Sinto nostalxia polos Resentidos, porque sempre acabas pensando que foi o mellor que che pasou na vida. Cousas que fas un pouco sen pensar ou planificar e que ó final saen moi ben.

 

Tagged as: , , ,

1 Comment

Trackbacks

  1. Os grupos que introduciron o galego no rock | Entérate

Deixa o teu comentario