A débeda de Galicia con Baltasar Garzón
A voceira da plataforma Galicia con Garzón, Carmen Durán, defende que Galicia estarálle sempre agradecida ao xuíz andaluz despois da Operación Nécora
Cando se lle pregunta a Carmen Durán Martínez, coordinadora da plataforma “Galicia con Garzón”, os motivos da creación desta organización, a galega o ten claro: “é unha relación de eterna gratitude”. Durán é unha das moitas mulleres que viviron de preto o drama do narcotráfico que marcou á Galicia da década dos oitenta nun dos seus puntos neurálxicos, a localidade de Cambados. Foron moitas as nais que perderon aos seus fillos como consecuencia dela.
As Rías Baixas eran o centro de operacións dunha das redes máis importantes e soadas de tráfico de drogas no país. O xuíz Baltasar Garzón, axudado doutros dous fiscais da Audiencia Nacional, foron os encargados de levar a cabo a denominada Operación Nécora, a de maior magnitude xamáis realizada ata o momento. Foi Ricardo Portabales, un vendedor de droga arrepentido, o que colaborou coa policía para sinalar aos líderes da rede narcotraficante.
A operación mobilizou máis de trescentos policías coordinados pola Unidade Central de Estupefacentes e saldouse con cincuenta e un detidos. A cabeza deles aparecían os nomes de Laureano Oubiña e a súa esposa, Esther Lago. Pouco a pouco foron aparecendo outras coñecidas personaxes coma Manuel Charlín, Alfredo Cordero ou Manuel Abal Feijóo.
O resultado deste primeiro gran golpe contra o narcotráfico no Estado español comandado por Garzón, foi o de sentar no banco dos acusados a cuarenta e oito imputados, dos que quince quedaron libres. Sen embargo, durante o período de cinco anos posterior á celebración do xuízo, o 90% dos imputados acabaron sendo condeados a prisión.
Segundo Carmen Durán, Galicia ten unha débeda co xuíz Garzón dende o 12 de xuño de 1990, momento no que deu comezo a Operación Nécora. A presentación do libro «La solidaridad con el juez Garzón», que contou coa presenza do seu autor Carlos Jiménez Villarejo, fiscal anticorrupción entre 1995 e 2003; é unha das moitas iniciativas que desenvolve a Plataforma. Por iso, Durán asegura que “non debería sorprender a ninguén que o primeiro acto de solidariedade con Baltasar Garzón se celebre aquí en Galicia”. En palabras da coordinadora da Plataforma “Galicia con Garzón”, o maxistrado andaluz “foi o primeiro que se interesou en escoitar ás víctimas”.
De feito, o xuíz implicárase no apoio a asociacións de axuda aos drogodependentes e a creación e construción de centros de rehabilitación. Dentro destas iniciativas, impulsou a Lei de Fondo, onde se determinaba que o patrimonio incautado aos narcotraficantes era destinado á reinserción e cura dos drogodependentes. A faciana e os ollos de Carmen Durán, ilumínanse cando fala da redada coordinada polo xuíz Garzón, para quen sempre terá un enorme sentimento de gratitude.



