Quen Somos

Entérate é unha nova publicación virtual realizada por alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela. Dende a súa concepción este proxecto está dirixido cara un público mozo, usuario habitual de novas tecnoloxías e ligado intimamente coas actualidades cultural, social e política. Estes últimos anos Internet demostrou ser un bo recipiente onde lanzar información contrastada e de calidade, onde o xornalista pode (e debe) empregar tódalas ferramentas que lle proporciona a Rede para romper coas barreiras impostas aos medios tradicionais. Entérate pretende ser parte da nova xeración da comunicación, facendo do medio informativo un espazo multimedia útil e tamén efectivo.

Entérate segue esa filosofía que cre que a forma da información cambia coas tecnoloxías. A prensa, o xornalismo, non pode apegarse máis tempo aos soportes que tanto o beneficiaron neste último século: os xornais e revistas impresos, a radio e a televisión. A Internet facilita estes e outros servizos a un público que xa prefire conectarse a través do navegador e comprender a actualidade -a través de múltiples e diferentes puntos de vista moi accesibles- e deixar de lado os outros medios -practicamente superficiais e limitados.

Entérate, como medio informativo, vai cubrir aquelas temáticas que interesan en deben interesar ao cidadán novo e que dan forma ás nosas seccións: arte, artes escénicas, audiovisual, cultura popular, literatura, música, política, sociedade, tecnoloxía para o ámbito universitario compostelán, USC. Os recursos da redacción de Entérate son, desafortunadamente, escasos e obrigan adaptarse ás posibilidades que aportan; sen embargo, varios factores están a favor desta empresa informativa:

  • Internet ofrece acceso a calquera tipo de información básica procedente de varias fontes. A especialización e o contraste están ao alcance da man.
  • Os hobbies e intereses particulares de cada redactor axudan na realización de información específica. Cada un dos que forman o equipo de Entérate ten coñecementos profundos nunha das moitas ciencias da sabedoría.
  • A cobertura rexional permite cubrir presencial e efectivamente as noticias máis próximas, aquelas que gran parte dos medios de comunicación omiten.
  • Participación dos lectores e usuarios de Entérate[*11]. Un medio de comunicación debe estar sempre aberto e ler e publicar as opinións, propostas, críticas, correccións e discusións que os usuarios lle comuniquen de boa maneira. Internet é un ámbito no que todos teñen algo que aportar.

O equipo de estudantes que forma Entérate cre que o futuro da comunicación e do xornalismo en especial se atopa na Rede. Todos son parte dunha xeración que naceu rodeada polos novos inventos electrónicos e, de feito, viven cada día apegados a tódalas formas que adoptou a tecnoloxía co paso dos anos. A cada hora, se cadra a cada minuto, conéctanse á Internet a través de ordenadores portátiles, smart phones, tabletas e mesmo videoconsolas. Este grupo está metido de cheo na era da comunicación; xa é imposible desatalos dos dispositivos que lles achegan ao mundo e, á vez, achegan o mundo a eles. Por esta fortísima ligazón Entérate ofrece información realizada por e para aqueles que coñeceron o mundo a través da combinación de pantalla e teclado, para aqueles que tanto gustan de estar ao tanto da cultura, da tecnoloxía, da sociedade e da política local e internacional. En definitiva, Entérate é de xente nova para xente nova.